Salceda recolle a súa tradición oral nun libro-CD

TER_0639 copia

A Praza do Concello acolleu o pasado sábado a presentación do libro-CD “A tradición oral de Salceda de Caselas”, escrito polo autor Xosé Ramón Paz Antón, e publicado pola Deputación de Pontevedra. No acto estiveron participaron o autor, o Deputado de Cultura Xosé Leal, a Concelleira de Cultura Tere Pérez e o Alcalde Marcos Besada, ademáis de diferentes grupos de gaitas de Salceda de Caselas, que deron boa mostra da enorme riqueza coa que conta o municipio no que a música tradicional se refire.
O primeiro dos volumes, identificado como ‘Descricións’, compila materiais de hemeroteca, entrevistas, arquivos, fotografías e bibliografía, tratando de aproximar cronoloxicamente as prácticas folclóricas que deixaron pouso relevante en Salceda, as biografías dos músicos e danzantes tradicionais e a evolución dos procesos de incorporación, cambio, abandono ou recuperación de certos costumes. Faise unha aproximación ao cancioneiro local, aos seráns, ás cornetadas, aos ranchos de Reis, ao Entroido, á danza e á relación da tradición coas bandas de música e a existencia dunha relevante literatura popular non cantada. Este volume inclúe ademais unha fermosa colección de fotografías do Arquivo Municipal da Imaxe de Salceda de Caselas, a máis antiga delas datada en 1921.
O segundo volume, identificado como ‘Catálogo’, é cualificada por Paz Antón como un cancioneiro de coplas populares, romances, cantos de cego, melodías instrumentais de gaita, cantos infantís e outras mostras relacionadas co canto e coa danza. Recolle tamén materiais da literatura popular e recollas que non teñen relación coas melodías, como poden ser xogos, contos, lendas e crenzas, e que corresponden á memoria de ducias de ‘persoas informantes’ e que foron transcritas ou gravadas conformando un patrimonio inmaterial herdado pola comunidade salcedense. Este segundo volume, inclúe unha detallada relación das ‘persoas informantes’ que realizaron as súas achegas, unha relación de persoas colectoras de información –boa parte alumnado– e os lugares onde realizaron as recollas, así como a relación de vídeos e audios que se inclúen no CD que acompaña a publicación.
En palabras de Xosé Leal “un pobo que se sostén coas súas tradicións e que fai que teñan relevancia actual é un pobo orgulloso de seu, e a atinada análise que se pode gozar nas páxinas destes libros vai acrecentar un sentimento de orgullo e de pertenza a unha vila que pescuda na oralidade un tesouro”.
Marcos Besada: “Como Alcalde de Salceda, síntome enormemente orgulloso e satisfeito polo traballo que hoxe chega ás mans da nosa veciñanza, froito de meses de investigación e de numerosas achegas feitas polos nosos veciños e veciñas. Agardamos que se disfrute tanto do resultado como nós o fixemos durante a súa preparación”.

Gabinete de prensa, 28 de xaneiro de 2019