Salceda recibe unha subvención de 346.946 euros para a realización do obradoiro dual de emprego “Sustentable” co Concello de Salvaterra

O Concello de Salceda de Caselas, xunto co de Salvaterra de Miño, ven de recibir unha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade de 346.986 euros para a realización do proxecto dun obradoiro dual de emprego denominado “Sustentable”.

O obradoiro contará con dúas actuacións, unha na especialidade de Servizo de limpeza e xestión de residuos urbanos, no que se realizarán tarefas de limpeza e mantemento de superficies e mobiliario en edificios e locais municipais, e outra actuación na especialidade de Forestal-xardinería, no que se porá en valor o parque forestal Monte Castelo, na parroquia de Pesqueiras, no Concello de Salvaterra.

A formación consta de especialidades formativas de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e xestión de residuos urbanos e industriais, de nivel 1, e de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en xardíns e centros de xardinería e actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, de nivel 2, para as que é preciso estar en posesión do título de Graduado en ESO, ou dun certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia ou dun certificado de profesionalidade de nivel 2, ou cumprir o requisito académico de acceso a ciclo medio, ou ter superadas as probas de acceso a universidade para maiores de 25, ou ter as competencias clave necesarias.

 

Serán beneficiarias 20 persoas, tendo prioridade os colectivos con maior dificultade na inserción laboral, e percibirán un salario equivalente ao salario mínimo interprofesional, cun contrato de formación e aprendizaxe de nove meses, destinándose 221.378 euros da subvención á contratación.

 

Para levar a cabo o proxecto contratarase persoal directivo, docente e de apoio, e xestionarase e execución dende o propio CDL O Torrón en Salceda, onde se levará a cabo a primeira etapa do proxecto que é a formativa, e que se complementa cunha segunda etapa de alternancia de traballo e práctica profesional, para así recibir unha formación profesional adecuada á ocupación elixida.

 

As persoas de Salceda interesadas en participar terán que estar inscritas na oficina de emprego de Porriño, para o cal teñen que pedir cita previa, e tamén poden inscribirse no Centro de Desenvolvemento Local CDL O Torrón, contactando co teléfono 986347864, ata o 20 de setembro, xa que despois procederase á selección das 20 persoas participantes.

 

Gabinete de prensa, 17 de setembro de 2021