Salceda recibe 250.000 € para atender a 100 persoas desempregadas

W TORRON

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Emprego e Formación que dirixe Verónica Tourón, está a poñer en marcha un Programa Integrado de Emprego, para o cal ven de recibir unha subvención de 250.000 € por parte da Xunta de Galicia. O plan acollerá a 100 persoas desempregadas de sectores diversos: discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación e cualificadas, maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestación, subsidios por desemprego e RAI, mulleres, etc., presentando un obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 40% das persoas participantes.
As persoas beneficiarias participarían nun mínimo de cinco accións individuais e tres accións de distinta natureza de xeito activo durante os 12 meses de duración do programa. Ademais da formación que se agrupa en catro itinerarios formativos: Administración e atención ao cliente, almacén, produción industrial e hostalería, ademais prácticas en empresas da zona coas que o Concello establecerá convenios de colaboración para cumprir co compromiso de inserción marcado. Para poder acceder ao Programa, as persoas interesadas deben pertencer a algún dos colectivos mencionados, estar inscritas na oficina de emprego como demandantes de emprego e estar empadroadas en Salceda de Caselas.
O Concello de Salceda conta cunhas instalacións idóneas para levar a cabo este tipo de programas no Centro de Desenvolvemento Local do Torrón, onde se establecerá o programa e as técnicas que atenderán ás 100 persoas participantes, e é alí a onde deben dirixirse as persoas interesadas para acceder a toda a información precisa, podendo facelo tamén por vía telefónica no 986347864 ou por mail en xestionemprego@salcedadecaselas.gal.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Temos por diante unha moi boa oportunidade para a nosa veciñanza en situación de desemprego, que estamos seguros que será ben aproveitada. Agora queda moito traballo por diante para poder levar a cabo o proxecto co mellor resultado, que será o de insertar no mercado laboral ao maior número de persoas posible. Con accións coma esta, Salceda seguirá a ser referente en políticas de emprego”

Gabinete de prensa, 04 de novembro de 2019