Salceda presenta o seu programa máis reivindicativo polo 8M

O Concello de Salceda de Caselas a través da Concellaría de Igualdade que dirixe Selene González, ven de facer público un amplo programa de actividades co gaio do 8M, Día internacional da Muller. Os actos estenderanse ata o mes de xuño con actividades diversas, varias delas realizadas en colaboración coa Asociación Treze Catorze. Trátase do máis amplo programa posto en marcha ata o de agora dende o Concello.
O acto central da programación terá lugar o propio venres 8 ás 12:00 na Praza do Concello coa lectura dun manifesto por parte de diferentes mulleres da corporación municipal e do tecido asociativo da vila, e que contará tamén coa asistencia de alumnado do CEP Altamira.
Así a fachada do Concello permanecerá iluminada en cor violeta, ao tempo que a Praza do Concello acolle a exposición das imaxes dos concursos de fotografía celebrados nos últimos anos no 25N. Estas accións compleméntase cunha innovadora iniciativa que transformará os cadros das acometidas eléctricas repartidos polo casco urbano en espazos decorados coas imaxes do libro “galegas na ciencia” que o Concello financiou. Estas imaxes formarán parte dun xogo no que as persoas que identifiquen as científicas representadas entrarán no sorteo de diferentes agasallos. Con este proxecto preténdese establecer referentes femeninos en ámbitos como os científico-tecnolóxicos. Para isto ven de poñerse en marcha unha nova edición do programa “Donas de sí”, que nesta ocasión reúne a tres mulleres salcedenses que triunfan en diferentes ámbitos e que servirán de exemplo ao alumnado do IES Pedras Rubias para visibilizar as fendas de xénero no mercado laboral.
A aposta pola igualdade tamén no eido da cultura, ten o seu reflexo nesta programación con actividades como os diferentes espectáculos teatrais, musicais e cinematográficos. A colaboración con colectivos resulta fundamental, e neste caso é a ACDE Treze Catorze a encargada de botar a andar outra iniciativa innovadora como é o “I Ralli Rurais e Creativas”, unha aposta pola diversidade cultural do noso Concello en espazos de representación non convencionais que se celebrará o 25 de maio.
Selene González: “Esta programación reafirma o noso compromiso coa igualdade de xénero, tendo como obxectivo principal a erradicación das violencias e discriminacións machistas. A cultura foi a elexida como elemento transmisor da loita e reivindicacións feministas que apoiamos”.
Loli Castiñeira: “neste 8M presentamos a programación máis ambiciosa na área de igualdade, que pretende chegar a tódolos colectivos e idades. A nosa aposta pola igualdade é clara e firme durante os 365 días do ano e non imos permitir que ninguén a poña en dúbida. Salceda cree na igualdade e así o ten demostrado”.

Gabinete de prensa, 06 de marzo de 2024