A alcaldesa e concelleira de emprego e formación Verónica Tourón presentou, no CDL do Torrón, este luns 19 de setembro o obradoiro dual de emprego “Rehabilita Salceda”, acompañada de Marta Mariño, Xefa Territorial de Emprego e Igualdade da Xunta en Vigo, e da directora do obradoiro María Isabel Outerelo, que conduciu o acto.
O obradoiro formará e empregará a 20 persoas que traballarán reformando e rehabilitando a casa do mestre anexa a aula de San Xurxo, o tellado da aula de Picoña, ambas pertencentes ao CRA Raiña Aragonta, e no acondicionando dun espazo municipal para o almacenamento selectivo de refugallos.
O alumnado-traballador seleccionouse a través de oferta presentada no Servizo Público de Emprego de Galicia, e tras superar as probas dun tribunal avaliador segundo as bases aprobadas, e será empregado a través dun contrato de formación e aprendizaxe.
Para levar a cabo o proxecto contratouse persoal directivo, docente e de apoio, que xestionará e executará o proxecto dende o propio CDL O Torrón en Salceda a parte formativa. Esta complementarase coa alternancia de traballo e práctica profesional no concello de Salceda, para así recibir unha formación profesional adecuada á ocupación elixida.
Marta Mariño Xefa Territorial de Emprego e Igualdade de Vigo salientou que dende a Xunta de Galicia sempre se apostará polos obradoiros de emprego como ferramentas para combinar de forma axeitada a formación teórica e a práctica e obter bos resultados para mellorar a capacidade de inserción laboral do alumnado-traballador participante.
Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de emprego e formación: “Para o concello de Salceda o obradoiro de emprego non so é importante porque o alumnado traballador que participa no mesmo obterá unha formación teórica e práctica certificada profesionalmente, senón porque o seu traballo redundará, como noutros obradoiros anteriores, no benestar da veciñanza de Salceda, xa que suporá a rehabilitación de instalacións educativas moi importantes para o noso concello”.
Gabinete de prensa, 19 de setembro de 2022