Salceda porá o broche ás festas co concurso de filloas “Saborea o Entroido”

Por segundo ano o concello de Salceda de Caselas, en colaboración con ACISA, pon en marcha o concurso de filloas “Saborea o Entroido” os días 24, 25 e 26 de febreiro na hostalería local, dentro do Programa de Dinamización Comercial #ConSalceda.

Os establecementos participarán no concurso a través das dúas categorías existentes, filloa doce e/ou filloa salgada como na anterior edición.

Participarán os seguintes establecementos: O Recuncho, A Tixola Salceda, La Marujita, La Vinoteca Salceda, Asador O Fogar da Rosa, La Jala, A Calustra, Bodeguilla Z9 e  Café Arruda.

Ademais dos premios á hostalería, as persoas que gocen das filloas e voten a mellor filloa salga e a mellor filloa doce nestas datas participarán no sorteo dun agasallo. Sorteo que se realizará no momento da entrega dos distintivos aos establecementos gañadores.

O horario no que cada establecemento participante servirá a súa filloa estará exposto no propio local, no resto do comercio local así como nas redes sociais do concello e na páxina web.

Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de comercio: “Convido a achegarse a Salceda e participar nesta ruta gastronómica na que a nosa hostalería local nos ofrecerá distintas opcións de preparación deste manxar que porá sabor ao peche do Entroido salcedense”.

 

Gabinete de prensa 22 de febreiro de 2023.