Salceda mellora o vial Laxe – Pazo

O Concello de Salceda de Caselas ven de dar comezo ás obras de mellora do camiño
Laxe – Pazo. O vial, que une os barrios de Laxe, na Parroquia de San Xurxo, e Pazo, na
parroquia de Picoña, ten unha lonxitude de 400 metros, e actualmente contaba con un firme
en moi mal estado. O proxecto suporá o asfaltado do vial, cun pequeño ensanche que sen
dúbida contribuirá á mellora da seguridade no mesmo, tanto para os vehículos como para os
peóns. Estamos a falar dun vial que ademáis serve de conexión da parroquia de Picoña cos
barrios desa zona da parroquia de Santa María: Veiga do Campo e Barral.
A obra, que conta con un orzamento de 22.180,87 € está subvencionada pola
Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2018, e dá resposta a unha vella
demanda tanto por parte das persoas propietarias dos terreos lindantes como dos propios
veciños e veciñas das parroquias afectadas. O vial é atravesado pola senda fluvial do Río
Caselas á altura da ponte de Pumariño.
Con este investimento proséguese na liña establecida dende o Goberno Municipal, de
mellora da Rede de Estradas do Municipio, con intervencións constantes nas sete parroquias
que conforman Salceda de Caselas.
Miguel González, Concelleiro de Vías e Obras: “Seguimos a mellorar a rede de estradas
no rural, fundamental para a boa comunicación entre as diferentes parroquias. Esta obra será
de grande utilidade para as parroquias de Santa María, San Xurxo e Picoña, tal como nos teñen
trasladado os veciños e veciñas. Esta e outras obras que se acometerán en breve seguirán a
mellorar a calidade de vida das nosas sete parroquias”.
Gabinete de prensa, 30 de novembro de 2018