Salceda executará a rede de saneamento en Ataude – Picoña e redactará os proxectos de novas zonas nas parroquias

Salceda executará a rede de saneamento en Ataude – Picoña e  redactará os proxectos de novas zonas nas parroquias

O Consorcio de Augas do Louro ven de aprobar a inversión do remanente, arredor de 1,9 millóns de euros, para obras e outras actuacións de saneamento e abastecemento.

O remanente líquido de tesourería para gastos xerais co que conta o Consorcio distribuirase, como asi o veñen de decidir as alcaldesas e alcaldes dos catro concellos integrantes,  en función da participación de cada un deles nos ingresos que realizan á entidade.

Salceda de Caselas investirá parte dos fondos na execución da rede de saneamento de Ataude  na parroquia de Picoña. Esta actuación que xa presentou a alcaldesa e foi aprobada polo pleno da corporación municipal, no pasado mes de decembro, constará de tres tramos de rede de saneamento cunha lonxitude total de 491´10 metros que permitirá dotar de saneamento a 18 vivendas da zona, salvando unha gran diferencia de cotas e pendentes do terreo.

Igualmente se financiará a redacción de proxectos de mellora de rede de saneamento  para os tramos de Loureiro-O Maior en Picoña, Ponte do Ameal-Presa en Parderrubias, Outeiro en San Xurxo e en Santa María de Salceda. Proxectos que facilitarán unha execución máis directa e inmediata desas melloras, xa que a redacción e división por tramos permitirá ao concello optar con máis facilidade a novas vías de financiamento para acometer ditas actuacións.

Rubén Gonzalez Coto, concelleiro de Medio Ambiente: “Estas actuacións permitirán dotar do servizo de saneamento á  unha importante cantidade de vivendas da zona de Ataude e planificar de forma axil e eficaz a execución de novos tramos de saneamento noutras parroquias”.

Verónica Tourón, alcaldesa: “Esta aprobación de crédito que decidimos os catro concellos supón unha moi boa nova para Salceda. Necesitamos ir avanzando  no obxectivo de aumentar a rede de saneamento do noso concello e ir abrindo todas as vías de financiamento posibles, e esta é unha delas que supón un importante avance para a nosa vila.

 

Gabinete de prensa, 23 de xaneiro de 2023