Salceda de Caselas incorpórase ao proxecto depoGAP, Xestión de Activos da Provincia de Pontevedra

DSCN0010

O Concello de Salceda de Caselas ven de asinar un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para que o proxecto depoGAP teña cabida nesta localidade. Trátase dun novo modelo de xestión municipal, que implica unha maior participación cidadá e constitúe o primeiro paso para que Pontevedra se converta nunha smart provincia.

Con este proxecto realízase un inventario de tódolos activos municipais, que comprenden edificios públicos, instalacións deportivas, alumeado ou viais, entre outros.  Toda esta información alóxase nunha plataforma tecnolóxica onde os bens están xeolocalizados sobre o terreo. Isto posibilita contar con información actualizada para así poder realizar un mellor seguemento e mantemento dos activos, mellorando a súa xestión e facilitado a toma de decisións.

Outra das liñas de actuación de depoGAP en Salceda é a obtención do certificado enerxético en catro edificios emblemáticos do Concello. Estas actuacións son necesarias para asegurar o cumprimento do Real Decreto 235/2013 do 5 de xuño.

Ademáis, ponse en marcha unha proba piloto para optimizar o consumo enerxético na Casa Consistorial. A través de equipos de sensorización e telexestión realízase a análise do consumo enerxético no edificio. Estas intervencións en materia de eficiencia enerxética serven coma probas piloto para facer futuras actuacións extensibles a outros edificios e a outros municipios. Son a base para implantar un novo modelo na provincia de Pontevedra baseado na sostenibilidade enerxética.

Dentro da concepción deste innovador sistema de xestión, a implicación cidadá é tamén fundamental. Os veciños e veciñas poden reportar incidencias directamente, por exemplo, a través dunha aplicación móbil.

O proxecto depoGAP está promovido pola Deputación de Pontevedra e cofinanciado nun 70% a través de fondos europeos FEDER. Para o Concello non implica custe económico ningún.

Jose Luis González, Concelleiro de Réxime Interior e Facenda: “estamos ante un programa fundamental para Salceda, pois a implantación deste proxecto supón un importante aforro para o Concello, tanto en materia enerxética como nos custos derivados dunha xestión máis eficiente dos activos, e todo isto con un custe cero para as arcas municipais”.

 

Gabinete de prensa, 17 de agosto de 2015