Esta mañá tivo lugar no Concello de Salceda de Caselas a presentación das XVI Xornadas da Camelia, unhas das paradas imprescindibles na axenda de toda persoa apaixoada desta flor tan emblemática en Galicia.
Nesta edición, os días 15 e 16 de marzo completarán unha fin de semana na que pasarán pola vila salcedense centos de persoas para gozar dos diferentes traballos que as persoas participantes levarán a cabo, na que xa é a mostra máis importante da camelia en Galicia.
Arredor de 70 expositores/as daranse cita nesta mostra que consegue encher de centos de variedades diferentes as principais salas e corredoiros do edificio consistorial e Auditorio municipal. As camelias chegan de diferentes lugares de Galicia e do país veciño, dándolle un carácter internacional ás xornadas. Outras entidades como o CEP Altamira ou AFAGA estarán presentes tamén nas xornadas con traballos realizados por parte do alumnado no caso do CEP e das persoas usuarias no caso de AFAGA.
A apertura ao público da exposición terá lugar o sábado día 15 tralo acto inaugural que se desenvolverá no auditorio municipal, e que estará amenizado polo grupo musical XERACIÓN M., formado por rapaces de Salceda, Mos e Ponteareas.
Os preparativos para as xornadas xa se veñen organizando dende hai varias semanas, e o Concello ademais do persoal propio, conta coa colaboración da Asociación de Xubilados/as e Pensionistas, así como a Asociación de Mulleres Rurais Caselas, que se encargan da organización da mostra.
Como é costume, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro será un dos entes presentes na exposición como organización especializada no cultivo e no estudo das diferentes potencialidades da camelia.
Marcos Troncoso, Concelleiro de Turismo: “As xornadas da camelia de Salceda están a converterse nun dos principais eventos turísticos da vila, que atrae a familias de diversos puntos da nosa xeografía e que conseguen dinamizar a hostelería e o comercio salcedense”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa: “Nas xornadas da camelia cada vez gana máis peso a participación local, con numerosas veciñas e veciños expoñendo as súas flores nun evento que xa ten consolidado o seu carácter internacional e que se ten convertido no referente deste tipo de mostras”.
Gabinete de prensa, 07 de marzo de 2025