Salceda conta con un novo tramo de Senda Fluvial no Río Landres

IMG_2251 copia

O Concello de Salceda de Caselas e a Deputación de Pontevedra inauguraron esta mañá o novo tramo de Senda do Río Landres, no tramo correspondente ao espazo entre O Seixo e o Muiño da Pereira. A inauguración acolleu tamén un acto de recordo no primeiro aniversario dos terribles incendios de outubro de 2017, que o Concello quixo organizar a modo de homenaxe ás forzas de seguridade e a tódalas persoas voluntarias que durante aquelas horas resultaron fundamentais para combatir o lume e evitar que no caso de Salceda se producisen danos persoais nin sobre as vivendas. Así, na mesma senda descubriuse un panel de agradecemento no que se narra a historia daqueles difíciles días.

O proxecto, con un orzamento de 105.252,18 €, enmárcase dentro do Plan Concellos 2017 da Deputación Provincial de Pontevedra, e foi executado pola empresa adxudicataria FECHI. Nesta ocasión executouse un tramo de 789 metros que, ao igual que os tramos anteriores, está perfectamente acondicionada para persoas con discapacidade e mantén a estructura do feito ata o de agora. Durante o percorrido instalaranse diversos bancos, así como a pertinente sinalización no principio e final da senda coas limitacións de uso da mesma.

O proxecto, redactado polo Enxeñeiro Técnico Agrícola Julio Piñeiro, enmárcase dentro do programa de actuacións previsto polo Concello de Salceda de Caselas encamiñadas á recuperación, creación e posta en valor de espazos destinados a uso público para o recreo e espallamento das veciñas e veciños do municipio, así como das e dos visitantes. Neste caso recuperouse unha zona en estado de abandono para usos recreativos, aproveitando o entorno na marxe do Río Landres, que dará continuidade ao tramo de senda xa existentes entre O Torrón e O Seixo, e enlazará tamén coa Senda da Lagoela a escasos metros. O Concello de Salceda continúa así na súa constante recuperación dos seus ríos, así como do seu entorno, coa construcción duns paseos que son xa sinal de identidade do municipio.

En palabras de Carla Pérez, Concelleira de Medioambiente, “Unha vez máis, estamos enormemente agradecidos aos propietarios e propietarias dos terreos polos que transcurre esta nova senda, que dende o primeiro momento se puxeron á nosa disposición e deron o seu permiso sen poñer o máis mínimo problema”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, congratulouse do remate das obras cumprindo cos prazos previstos. “Seguiremos a traballar na recuperación do noso entorno e a nosa paisaxe. Os nosos ríos estiveron esquecidos durante moitos anos e queremos saldar esa débeda. A nosa rede de sendas fluviais están a ser referencia xa polo País adiante, polo que seguirá a ser unha importante aposta para este Goberno”.

 

Gabinete de prensa, 20 de outubro de 2018