Aprobado o inventario de bens por un valor de 26 millóns de euros

CASA DA MÚSICA copia

O Pleno da Corporación de Salceda de Caselas aprobou, cos votos a favor de MS e PSOE e en contra do PP, o Inventario Municipal de Bens, que lle recoñece propiedades ao Concello por un valor de 25.960.825,95 €. O documento certifica a existencia de 1.222 bens inmobles, 3 dereitos reais, 19 mobles especiais, 18 vehículos e 1.234 obxectos de mobiliario, que se procederán a inscribir no Rexistro da Propiedade.
O Concello de Salceda dispuña ata o de agora dun Inventario Municipal que data do ano 1967, e que basicamente consistía nun libro que describe de xeito literal algúns bens que nesa data constaban como municipais. A veces dita descripción estaba acompañada dun croquis realizado a man alzada, que a día de hoxe estaban completamente desfasados e sen os datos de situación, xeorreferenciación, xurídicos etc. precisos para que os bens alí reseñados poidan ser catalogados correctamente tal como esixe o RBEL nos 8 epígrafes que constitúen un Inventario Municipal.
En 2012 o Concello de Salceda contratou a empresa LAYA que realizou e posteriormente foi aprobado o inventario municipal de viais, catalogando tódolos viais municipais, que agora se completa co resto dos epígrafes.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Inventario Municipal de Bens resulta fundamental para a correcta xestión do patrimonio público. Con este traballo descubrimos ademáis novos elementos que sen dúbida contribuirán ao enriquecemento patrimonial e cultural do noso Concello segundo se vaian poñendo en valor. Agradecemos a enorme colaboración prestada polos veciños e veciñas e polos colectivos veciñais de cada unha das parroquias, fundamental para acadar o resultado que agora vimos de aprobar”.

Gabinete de prensa, 4 de febreiro de 2019