Sae a concurso o servizo de cafetería do Centro Social da Devesa

A Xunta de Goberno Local de Salceda de Caselas aprobou hoxe o expediente de adxudicación da concesión demanial para a explotación da cafetería do Centro Social A Devesa. A xestión da cafetería adxudicarase por un periodo de seis anos. Tras a aprobación dos pregos, haberá que esperar ata a súa publicación no BOP, e será entón cando se abra o prazo de vinte días para que os e as interesados/as poidan presentar as súas ofertas.

O Centro Social da Devesa, ubicado na rúa Vigo, acolle diversas actividades de ocio ao longo de todo ano (coro, teatro, zumba, ioga, guitarra…), ademáis de iniciativas de índole social, como o Programa de Respiro Familiar para os enfermos/as de Alzheimer. Así mesmo,  serve de sede para asociacións sociais como a de Mulleres Rurais ou a de Xubilados e Pensionistas. Toda esta actividade garante unha presenza continua de usuarios/as no edificio, polo que o servizo de cafetería do mesmo resulta de gran importancia, e así o levan demandado diversos colectivos.

Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Con este proceso solucionamos a demanda prantexada por varios colectivos que pedían contar con este servizo no edificio, e por outra banda estamos dando unha oportunidade de traballo no pobo, que estamos seguros non vai ser desaproveitada”.