Rematan as obras de reforma na Praza de Abastos de Salceda de Caselas

Remataron as obras de reforma da Praza de Abastos para instalación de cuartos de aseo accesibles, espazo de uso común e reposición da cuberta.

O proxecto conta con un orzamento de 75.625 € dos cales 50.000 € están subvencionados pola Xunta de Galicia a través do AGADER, e 25.625 € pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021.

O proxecto inclúe a instalación de dous aseos accesibles, que darán servizo a todo o edificio, xa que os existentes estaban vinculados a un dos locais existentes. Para iso abriuse un novo espazo de uso común, cun distribuidor que da acceso aos novos servizos, para o cal se derribou unha pequena parte do edificio que estaba en desuso.

Ademais fíxose unha mellora da sinalización dos postos existentes, mediante uns paneis, incluíndo a sinalización de incendios e a indicación de aseos.

A actuación contemplou ademais a impermeabilización da cuberta sobre as zonas das cámaras mellorando tamén este espazo.

Verónica Tourón, alcaldesa e responsable da área, “con estas obras continuamos poñendo en valor a nosa praza de abastos, destacando o potencial que ten como centro de comercialización de produtos frescos e de proximidade”.

Gabinete de prensa, 29 de xuño de 2021