Programa de Promoción da Igualdade e de Prevención da Violencia de Xénero

O Programa de Promoción da Igualdade e de Prevención da Violencia de Xénero é un programa que nace da colaboración entre institucións, neste caso, entre o Concello, a Xunta de Galicia e a Unión Europea e que ten no foco a todas as mulleres, fundamentalmente as máis vulnerables e aos seus fillos e fillas. A mulleres que son ou foron vítimas de violencia de xénero, a mulleres con discapacidade, a mulleres maiores, a mulleres en situación de desemprego, a mulleres migrantes, ás que están ao frente de fogares monomarentais, a mulleres novas…

Un proxecto con enfoque dual no que se aplicarán medidas específicas a favor da igualdade e á súa vez, afondarase na transversalidade de xénero.  Este enfoque dual é un dos vectores do noso II Plan de Igualdade, que é a ferramenta fundamental e máis eficaz que existe para dar cumprimento ás leis e para acadar os obxectivos que nos propomos.

Queremos que o Programa chegue a un mínimo de 40 mulleres para:

  • Ofrecer un servizo de atención integral de asesoramento psicolóxico, laboral, social e xurídico a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, nomeadamente ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos ou fillas.
  • Facilitar unha axeitada información sobre recursos existentes no Concello de Salceda de Caselas, na Xunta de Galicia e no Goberno do estado en materia de igualdade e de prevención da violencia de xénero.
  • Mellorar a participación social e laboral, fomentar a súa autoestima e autoconfianza.
  • Previr situacións de violencia de xénero.
  • Contribuír a mellorar a súa calidade de vida e o seu benestar.

Nos meses de agosto e setembro ofreceremos un Servizo Municipal de Atención Integral de Asesoramento Psicolóxico, Laboral, Social e Xurídico a Mulleres en Situación de especial Vulnerabilidade, nomeadamente ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos ou fillas.

  • O Servizo se prestará a demanda en dependencias municipais de luns a venres en horario de 9 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
  • O Servizo será prestado por profesionais: dúas avogadas, unha psicóloga e unha persoa experta en atención social integral e  orientación laboral, ademais de formadoras expertas.
  • Haberá un servizo online para mulleres que non poidan ou non queiran acudir presencialmente.

O Programa vai acompañado de 5 talleres que se desenvolverán durante os meses de agosto e setembro no CDL O Torrón e no Centro Social A Devesa.

  • Taller de Prevención da Violencia de Xénero. 4 horas en 2 sesións.
  • Taller de autoestima e benestar que abordará a saúde con perspectiva de xénero. 2 horas en 1 sesión.
  • Taller de habilidades dixitais con perspectiva de xénero. 4 horas en 2 sesións.
  • Taller de valorización dos coidados e o traballo non remunerado. 2 horas en 1 sesión.
  • Taller de competencias, habilidades para o acceso ao emprego e autoemprego, capacitación para procesos de selección, habilidades de comunicación, construción dun perfil profesional e desenvolvemento de intereses persoais e profesionais. 8 horas en 4 sesións.

Así mesmo, ao longo do programa iranse elaborando itinerarios de inserción e valorización de competencias para cada muller que o demande e que desexe mellorar a súa situación persoal, social e profesional.

Traballarase no asesoramento e nas diferentes vías de financiamento, con  intermediación laboral para achegar as ofertas e nichos de emprego no Concello e o seu entorno xeográfico.

Celebraranse 2 encontros con todas as participantes do programa para a posta en común das súas experiencias, para afondar no  empoderamento colectivo e, por suposto, para activar redes e asociacionismo.

Como é lóxico, o programa irá acompañado do material didáctico preciso.

As principais liñas de traballo pivotan en torno ao triángulo formado por 3 piares:

  1. A sensibilización en materia de igualdade e contra a violencia de xénero dirixida a impulsar o compromiso do Concello coas políticas de igualdade e contra a violencia de xénero.
  2. A formación orientada a capacitar e empoderar a todas as participantes
  3. E o asesoramento a través deste Servizo multidisplinar que estará ao dispor das mulleres durante a duración do programa.01