Os concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño presentan o seu obradoiro de emprego “SuStentable”

A Consellería de Emprego e Igualdade  subvenciona o proxecto con 346.986 euros

As alcaldesas dos  concellos de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, e de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, presentaron este venres 22 de outubro o obradoiro de emprego “Sustentable”, acompañadas de Ana Ortiz, secretaria territorial da Xunta de Galicia en Vigo. Ana Gómez Gómez conduciu o acto como directora do obradoiro.

O obradoiro SuStentable empregará a 20 persoas dos dous concellos, e contará con dúas actuacións, unha na especialidade de Servizo de limpeza e xestión de residuos urbanos, no que se realizarán tarefas de limpeza e mantemento de superficies e mobiliario en edificios e locais municipais, e outra actuación na especialidade de Forestal-xardinería, no que se porá en valor o parque forestal Monte Castelo, na parroquia de Pesqueiras, no Concello de Salvaterra.

O alumnado seleccionouse a través de oferta presentada no Servizo Público de Emprego de Galicia, e tras superar as probas dun tribunal avaliador segundo as bases aprobadas, e será empregado a través dun contrato de formación e aprendizaxe.

Para levar a cabo o proxecto contratouse persoal directivo, docente e de apoio, en total cinco profesionais, que xestionarán e executarán o proxecto dende o propio CDL O Torrón en Salceda, levando a cabo a primeira etapa do proxecto que é a formativa, que se complementará cunha segunda etapa de alternancia de traballo e práctica profesional nos dous concellos, para así recibir unha formación profesional adecuada á ocupación elixida.

 

O obradoiro formará a 10 persoas no ámbito da limpeza, nos certificados de profesionalidade SEAG0209 Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, e SEAG0108 Xestión de residuos urbanos e industriais. E a 10 persoas no ámbito forestal e de xardinería, nos certificados AGAR0309 Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, AGAR0108 Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e AGAR0108 Aproveitamentos forestais.

 

Ambas alcaldesas coincidiron en destacar a importancia deste tipo de colaboracións entre a Xunta de Galicia e os concellos, xa que doutro xeito non se poderían levar a cabo estes proxectos, que permiten a inserción laboral e melloran a  empregabilidade.

 

 

Gabinete de prensa, 22 de outubro de 2021