Oferta de ocio en Salceda para o verán

O Concello de Salceda de Caselas, como xa fixo en anos anteriores, ven de deseñar un amplo calendario de actividades para os nenos e nenas, durante a época estival. As actividades deste tipo téñense amosado como iniciativas moi válidas para a conciliación da vida laboral e familiar nestes meses nos que os máis pequenos non teñen colexio.

Unha das iniciativas será o Campamento Urbano, dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos e que se desenvolverá entre os meses de xullo e agosto.

No mes de xullo, concretamente entre os días 20 e 31, terá lugar o Campamento de Ciclismo que o Club Ciclista Aragonta organiza coa colaboración do Concello. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e 14 anos.

Finalmente, e como todos os anos, Salceda desenvolverá os tradicionais cursiños de natación durante os meses de xullo e agosto. Neste caso a idade mínima para participar será a de 4 anos, pero non haberá tope de idade para participar.

Todas estas iniciativas teñen xa aberto o seu prazo de inscrición que se pode formalizar na Casa da Cultura ou na páxina web do Concello.

Amais de ser unha magnífica ferramenta para a conciliación da vida laboral e familiar, as actividades de ocio de verán permiten que os nenos e nenas, compartan o seu tempo con outros realizando actividades lúdico educativas que fomentan valores como o compañeirismo, o traballo en equipo e a solidariedade.

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura e Ensino: “un ano máis queremos ofrecer diferentes alternativas aos pais e nais que precisan buscar opcións para os seus fillos e fillas. Reste ano ademáis únese o Club Ciclista Aragonta, ao cal queremos felicitar tamén por este tipo de iniciativas”.