O Verán Cultural ofrece máis de 40 actividades para tódolos públicos

Salceda de Caselas, 26 de xuño de 2018

A Concellaría de Cultura e Festas do Concello de Salceda de Caselas, dirixida por Tere Pérez, vai poñer en marcha un ano máis a programación de verán que desembocará nas Festas do Cristo, e que a Concelleira presentou esta mañá acompañada do Alcalde, Marcos Besada. A Concelleira amosouse moi agradecida coas diferentes asociacións do municipio que ano tras ano se ofrecen a subirse ao escenario para presentar os traballos realizados nos diferentes locais culturais das parroquias, e que permiten que se siga mantendo unha programación diaria que se extende ao longo de máis de duas semanas. Salceda encherase así un ano máis de música, baile, cine, xogos e, sobre todo, moita festa. Inciden dende o Concello en que se trata dunha programación variada para tódolos gustos e para tódolos públicos, cunha especial presenza das actividades dirixidas aos nenos e nenas.

O Verán Cultural arrinca este venres 29 de xuño e o pistoletazo de partida corre a cargo da Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA), que por terceiro ano organizan a Feira Medieval (29 e 30 de xuño e 1 de xullo).

No ciclo hai citas que non poden faltar, como o certame de bandas de música que este ano celebra a súa vixésimo séptima edición, o festival folclórico ou o día da infancia, que ano a ano acollen a numeroso público tanto de Salceda como dos arredores. Destacan este ano as actividades dirixidas ao público familiar, tendo en conta que estamos a falar dun dos Concellos con maior taxa de natalidade de Galiza. Así, como novidade preséntase este ano unha actividade de pompas xigantes na que os nenos e nenas poderán tamén aprender a realizar as pompas e que sen dúbida espertará moita expectación. Outra das premisas é a variedade de espazos nos que se van desenvolver os actos: O Parque Raíña Aragonta, o Parque da Gándara, a Casa da Cultura Castelao, o Auditorio Municipal, o recinto do CEP Altamira e, por suposto, a Praza do Concello. Cun orzamento aproximado de 50.000 € a programación extenderase dende o venres 29 de xuño ata o luns 16 de xullo en que rematan as Festas do Cristo.

Por outra banda a Concelleira destacou os actos que serven para homenaxear a diferentes persoas e colectivos de Salceda, como o estourazo ou o Acto Cívico dos/das Salcedenses Distinguidos/as, que se celebran o sábado e domingo das Festas do Cristo. Así mesmo, fíxose especial mención ao concertó que o grupo Treixadura ofrecerá o sábado 14 de xullo dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra. A Concelleira agradeceu á Deputación a posta en marcha deste programa, sen o cal sería imposible que Concellos con poucos recursos poidan disfrutar de concertos desta categoría.

Tere Pérez, Concelleira de Cultura: “Dende a Concellaría de Cultura téntase ofrecer un programa variado e para tódolos públicos, convidando a tódolos/as salcedenses a participar dos actos e a pasar uns bos días de ocio. O noso eterno agradecemento ademáis para o tecido asociaciativo, sen o cal sería inviable presentar esta programación”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que se achegan días con importante presenza de salcedenses que nos visitan dende tódalas partes do mundo aproveitando as vacacións de verán. “Salceda volverá demostrar a súa hospitalidade nos días de festa, e está preparada para acoller a tódalas persoas que queiran achegarse a disfrutar destas xornadas”