Salceda de Caselas, 12 de xaneiro de 2024
As obras de posta en valor do Carreiro do Rollo, en Salceda de Caselas, enfrontan xa a súa última fase, aproveitando o bo tempo para a colocación do adoquín que cubrirá todo o espazo. O Concello quere deste xeito poñer en valor un espazo que alberga unha parte da historia de Salceda, pois con toda probabilidade o nome do “Rollo” proveña da existencia nesa zona dun “rolo xurisdicional”. O “rolo” era unha columna de pedra rematada por unha bola ou unha cruz, e que só se instalaba nos señoríos con plena xurisdicción. Servía de ameaza coercitiva aos vasalos ou forasteiros, e nalgúns lugares tamén cumpría as funcións de axustizamentos para ser expostos os “delincuentes” a pública vergoña. O Decreto das Cortes de Cádiz de 26 de maio de 1813 mandou destruír todos eses rolos por consideralos signos de vasalaxe e “un recordo contínuo de humillación”. Sen embargo en Salceda houbo outro rolo que non foi derruído incumprindo ese decreto, e que aínda hoxe en día se conserva no alto da Casa Grande da Picoña.
O proxecto de urbanización do Camiño do Rollo suporá a recuperación para as persoas dun espazo ata o de agora degradado, en pleno casco urbano de Salceda, e que aínda no seu estado era empregado por multitude de veciñanza como sendeiro peonil para acceder dende a rúa do Rollo ata Victoriano Pérez Vidal. O espazo seguirá a ser de uso peonil, e incluirá a creación dunha pequena praza central para uso e desfrute da veciñanza. O proxecto suporá ademais acabar con posibles problemas de salubridade na contorna, ademais de incluír a recollida de pluviais que tamén xeraba inconvintes na zona. A financiación está incluída dentro do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra con 121.115,19€.
Marcos Troncoso, Concelleiro de Mobilidade: A recuperación deste espazo, ademais de incorporar unha nova área de lecer e esparcemento na vila, servirá para dar solución aos problemas se saneamento e abastecemento na zona, ao mesmo tempo que se reforza a iluminación no carreiro coa colocación de balizas e farolas led orientables.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: Con este proxecto pasamos dun espazo gris a un espazo de luz para o orgullo e desfrute da nosa veciñanza, e facémolo ademais poñendo en valor a nosa historia coa instalación de paneis explicativos na zona.
Gabinete de prensa, 12 de xaneiro de 2024
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos