O Parque Raíña Aragonta contará con un Skate Park

skate park

O Concello de Salceda de Caselas, por medio da Concellaría de Xuventude que dirixe Loli Castiñeira, ultima os detalles para a inminente colocación dun espazo de skate no Parque Raíña Aragonta. Esta nova área de lecer para a xuventude estará rematada este verán, polo que os aficionados ás diferentes modalidades de skate poderán disfrutar das instalación nun breve prazo de tempo.

A actuación vai consistir na colocación de cinco figuras de diferentes características: spine, lanzador curvo, lanzador recto, fun box V e fun box VII. Este novo espazo permitirá a práctica de modalidades como skateboarding, patinaxe agresivo, roller, snakeboard, BMX ou scooter freestyle entre outras. Para elo, a Concelleira Loli Castiñeira está a contar coa colaboración e asesoramento dun grupo de rapaces e rapazas de Salceda coñecedores e usuarios de outras instalación de características semellantes, e que sen dúbida serán os primeiros usuarios do skate park de Salceda.

A zona conta con un orzamento de 21.671,10 €, con cargo aos orzamentos municipais deste ano 2014, englobándose dentro do proxecto denominado “Mellora na accesibilidade ao Parque Raíña Aragonta con espazos específicos para a xuventude”. Con este investimento dase resposta a unha vella demanda dos máis novos, que levan tempo pedindo zonas específicas nas que poder desenrolar as súas actividades.

Loli Castiñeira, Concelleira de Xuventude: “estamos a dar un pasiño máis na creación dunha Salceda atractiva tamén para os máis novos. Despois do éxito da implantación de zonas específicas para graffiti por medio do “Salceda Urbán”, chega agora o momento do Skate Park; un novo servizo para que os nosos xoves poidan practicar as súas aficións dunha maneira segura”.

 

Foto: Loli Castiñeira con un grupo de mozos ultimando os detalles para a colocación do skate park

 

Gabinete de prensa, 9 de xuño de 2014