O I Plan de Mobilidade Sustentable chega ao momento da participación da veciñanza

Dentro proceso de elaboración do I Plan de Mobilidade Sustentable de Salceda de Caselas, despois da xornada de xuntanzas con colectivos, asociación e partidos políticos, abre agora a participación á totalidade da veciñanza de Salceda, que terá opción de cubrir unha enquisa online na que poderán recoller as súas inquedanzas e propostas como residentes, nun cuestionario de carácter anónimo ao que calquera veciño ou veciña poderá acceder mediante a páxina web ou as redes sociais oficiais do Concello. A enquisa estará dispoñible ata o vindeiro 15 de xuño, e dende o Concello animan a toda a veciñanza a participar na mesma, para que o I Plan de Mobilidade Sustentable recolla as aportacións de todos e todas.

O proceso participativo comezou xa o pasado 3 de maio coas xuntanzas que mantivo a empresa redactora do Plan cos grupos políticos da oposición, PP e PSOE, para continuar con tres quendas con representantes veciñais, contando tanto cos colectivos e asociacións veciñais como coas ANPAS dos centros de ensino públicos, asociacións culturais e deportivas ou comunidades de montes das parroquias.

Para a elaboración deste primeiro PMUS, destácase o dato de que o 87% das beirraruas de Salceda teñen un ancho inferior a 1,80 metros polo que non son accesibles, o que fai de vital importancia o proceso de humanización das diferentes rúas e espazos que se están a cometer nos últimos anos. Ademáis, dous terzos do espazo público están adicados en exclusiva ao vehículo privado para circulación e aparcadoiros, en detrimento do tráfico peonil. Estas cifras veñen a demostrar a necesidade dun Plan de Mobilidade como este, que o Equipo de Goberno espera ter rematado e aprobado neste ano 2018.

A posta en marcha do Plan conta co apoio da Deputación de Pontevedra, que fará unha aportación de 15.000 €, dos 19.965 € que custa o proxecto. O obxectivo fundamental é o de establecer o libro de ruta que seguir nas vindeiras actuacións que se leven a cabo, na liña de seguir a recuperar a vila para as persoas. É importante, sobre todo, garantirlles aos nenos e nenas a súa autonomía para saír da casa, para ir xogar cos amigos e amigas e para ir a escola a pé e sós/soas; hai que garantirlles tamén ás persoas con diversidade funcional percorridos sen barreiras e con solucións de continuidade; á terceira idade, pasos de peóns e encrucilladas seguras… En definitiva, o PMUS busca asegurarlle a toda a cidadanía unha posibilidade real de movemento, de ir á escola, ao traballo e a divertirse por outros medios que non sexan o coche particular, e darlle prioridade a ir a pé ou en bicicleta, correspondéndose coa liña que humanizacións e recuperacións de espazos públicos que está a desenrolar o Goberno Municipal dende o ano 2007.

 

Salceda de Caselas, 22 de maio de 2018