O Estourazo 2014 homenaxea á Educación Pública en Salceda

Estourazo1

A V Edición do estourazo das Festas do Cristo de Salceda homenaxea este ano ao ensino público, e nomeadamente aos centros escolares públicos do municipio: IES Pedras Rubias, CEP Altamira, CRA Raíña Aragonta e EI A Galiña Azul.

O estourazo, que se celebrará o sábado 19 de xullo ás 22:00 dende o balcón da Casa da Cultura Castelao, marca dende hai cinco anos o inicio das Festas do Cristo, e acolle cada ano a homenaxe a un colectivo que destaque pola súa traxectoria en Salceda. Así, ata o de agora, xa se subiron ao balcón a Asociación de Amigos da Música de Salceda, O Soutelo F. C., o Caselas F. C., e os clubes de balonmán e baloncesto Caselas.

Este ano óptase por homenaxear ao ensino público, recoñecento o denominado “Espíritu Altamira” que leva formado a milleiros de salcedenses dende fai 40 anos, e ao que se lles foron sumando o CRA, o IES e a EI A Galiña Azul, ata completar a oferta formativa pública que se dá a día de hoxe no municipio.

Representantes dos equipos directivos dos catro centros serán os encargados de activar o mecanismo de disparo do estourazo, non antes de facer o seu alegato en recoñecemento ao ensino público. Xunto a eles estarán Marcos Besada, Alcalde de Salceda e Teresa Pérez, Concelleira de Cultura e Ensino.

Salceda conta actualmente con máis dun milleiro de nenos e nenas de entre 0 e 16 anos escolarizados en centros públicos, polo que esta pretende ser unha homenaxe para todos eles e as suas familias, por decantarse por un ensino público e de calidade que leva xerado grandes persoeiros no municipio.

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura e Ensino: “Estamos en festas, e queremos que os nosos centros escolares se sumen á celebración. É premisa deste equipo de goberno a defensa absoluta da educación pública e da máxima calidade, e os centros escolares de Salceda levan demostrado que están compostos por un equipo de profesionais altamente cualificado e preparado para sacar adiante a formación dos nosos nenos e nenas”.

 

Foto: Celebración do estourazo 2013

 

Gabinete de prensa, 11 de xullo de 2014