O Concello de Salceda reforza a plantilla da Policía Local durante o verán

TER_9252 copia

O Concello de Salceda de Caselas incorporou recentemente a unha parella de auxiliares de policía local que formarán parte da plantilla ata mediados de setembro, permitindo así dar cobertura ás vacacións do resto dos axentes así como ás diferentes festas que se celebran durante os meses de verán.

O Concello acolleuse á convocatoria feita pola Xunta de Galicia, pola cal se centralizou no organismo autonómico o proceso de selección de policías, vixiantes e auxiliares de policía para os diferentes Concellos adheridos, incorporando dúas persoas no caso de Salceda de Caselas.

O Equipo de Goberno cumpre así o seu compromiso de cubrir as ausencias que se poidan producir no corpo da policía local, xa sexa por baixas, vacacións ou diferentes permisos. Destacan ademais a importancia deste reforzo durante os meses de verán, por ser de especial incidencia de festas e eventos que atraen a centos de persoas tanto de Salceda como doutros municipios.

No que a policía local se refire, o Concello leva dado importantes pasos como a inclusión dos axentes no protocolo Viogen de loita contra a violencia de xénero, ou a colaboración directa en diferentes campañas levadas a cabo pola Garda Civil e as demais forzas de seguridade do Estado. Lembran dende o Equipo de Goberno que a colaboración mutua entre as diferentes forzas de seguridade é fundamental no obxectivo de seguir a manter unha vila tranquila e con un baixo índice de actividades delictivas, tal e como amosan os datos da última Xunta Local de Seguridade.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “o reforzo do corpo da policía local, xunto coa colaboración cidadá da que Salceda é un exemplo, son sen dúbida fundamentais para garantir unha maior seguridade para a veciñanza de Salceda así como da xente que nos elixe como destino nas súas vacacións e tempo de ocio. Os veciños e veciñas de Salceda poden ter seguro que faremos todo o que estea nas nosas mans por garantir unha vida tranquila no noso Concello”.

 

Gabinete de prensa, 19 de xullo de 2018