O Concello de Salceda recibe máis de 500.000 € para un obradoiro de emprego

O Concello de Salceda de Caselas vén de recibir a comunicación da concesión de 531.046,20€ para un obradoiro de emprego por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Neste caso a acción acollerá a 20 persoas, 10 no campo da albanelería e outras 10 no da carpintería de madeira, que durante un ano se encargarán das obras de reforma de diferentes edificios municipais.
Os obxectivos deste obradoiro son os de recuperar o antigo colexio da parroquia de Budiño, destinándoo a usos sociais, e seguir traballando na recuperación de diversos edificios educativos.
O alumnado combinará as horas de formación teóricas coas de traballos prácticos, percibindo as retribucións correspondentes. O obradoiro supón unha excelente oportunidade de formación para o emprego da veciñanza.
Selene González, Concelleira de Formación e Emprego: “Estamos a falar dunha magnífica oportunidade para a nosa veciñanza a nivel formativo, económico e social. Este tipo de formación supoñen unha mellor empregabilidade das nosas mulleres nuns sectores hisoricamente masculinizados e en contínua demanda de persoal”
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “máis de medio millón de euros que ademais de formación e emprego servirán para a rehabilitación de espazos municipais que goza toda a veciñanza. Unha vez máis a colaboración entre as diferentes administracións da bos froitos. Agradecemos neste caso á Xunta de Galicia a concesión desta subvención ao noso Concello.
Gabinete de prensa, 17 de outubro de 2023