O concello de Salceda preséntase ao programa PON2030 da Deputación de Pontevedra

O concello de Salceda de Caselas ven de presentarse ao  programa provincial Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030) da Deputación de Pontevedra.

Dada a necesidade dun novo pavillón do que o concello conta xa cun proxecto completo que ascende a 1.864.656,89 euros, dentro deste programa presentou o proxecto de construción dun novo equipamento deportivo na zona deportiva de Altamira que ascende a 1.180.007,34 euros e forma a primeira parte do novo pavillón municipal ao lado do existente.

Nesta primeira parte aproveitarase a diferencia de cota entre a rasante actual onde se ubica o pavillón Altamira e as pistas polideportivas ao aire libre para a construción dun novo edificio situado na planta semisoto.

Esta nova edificación contará con tres salas polivalentes, dous vestiarios, catro aseos separados, dous deles accesibles, vestiarios para árbitros e árbitras, dous vestiarios accesibles e tres almacéns. Nesta mesma edificación habilitouse un alxibe para a protección contra incendios e dun cuarto específico de instalacións.

Esta planta semisoto servirá de complemento ás pistas deportivas ao aire libre e apoio ao pavillón existente, posibilitando a utilización dos vestiarios, salas polivalentes e almacéns. A superficie da cuberta desta nova planta será transitable e se converterá nunha zona de práctica deportiva conectada ao pavillón existente e as pistas descubertas.

Para a execución da segunda fase do pavillón municipal a concellería de Deportes xa está a estudar para xestionar a presentación da subvención á convocatoria anunciada polo Consello Superior de Deportes para as vindeiras semanas, a través dos Fondos Europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que xestiona o Goberno de España.

Rubén González Coto, concelleiro de Deportes: “O desenvolvemento completo do proxecto do novo pavillón municipal supón un reto complexo a nivel técnico que fomos quen de planificar en dúas fases diferenciadas para poder optar a distintas vías de financiamento que esperamos se resolvan positivamente para garantir o éxito na execución final e integral do proxecto”.

 

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas. ”A consecución integral deste novo pavillón municipal suporía un gran salto de calidade definitivo dentro do conxunto de instalacións deportivas que prestan servizo á veciñanza e atende unha demanda fundamental dos equipos e colectivos do deporte local”.

 

Gabinete de prensa, 21 de abril de 2023