O Concello de Salceda fai aprovisionamento de mascarillas

O Concello de Salceda xestiona a compra de 5.000 máscaras cirúrxicas homologadas para distribuír entre a cidadanía
• O Equipo de Goberno tamén solicitou da xunta de Galicia outras 4.500 coa mesma finalidade
O Concello de Salceda recibirá, ao longo da vindeira semana, un pedido de 5.000 máscaras homologadas cuxa compra xestionouse con distintos provedores durante estas dúas últimas semanas. Na mesma liña, o Goberno de Salceda solicitou á Vicepresidencia da Xunta de Galicia outro lote de 4.500 máscaras coa mesma finalidade. Compre lembrar que, ao longo destas últimas semanas, o Concello xa puxo a disposición da poboación máis exposta máis de 3.000 máscaras (protección civil, policía local, traballadoras do servizo de axuda no fogar, persoal de recollida de lixo e servizos de mantemento, persoal sanitario e das residencias de maiores, etc) e, do mesmo xeito, distribuíronse entre as e os traballadores/as e autónomos/as máis de 1.000 máscaras seguindo os protocolos de reparto establecidos dende o goberno do Estado, a través da policía local e protección civil.
O Concello de Salceda disporá das máscaras ao longo desta semana despois dun longo traballo para conseguilo, dadas as dificultades que teñen moitas empresas provedoras para contar con máscaras homologadas. En todo caso, lembran dende o equipo de goberno e o comité de seguemento do COVID 19, do que forma parte o persoal sanitario, que a día de hoxe segue vixente o estado de alarma e as persoas que teñen que permanecer nos seus domicilios non precisan deste tipo de protección. As múltiples noticias sobre reparto masivo de mascarillas ás que estamos asistindo nas últimas semanas, conlevan o serio risco de que a poboación sinta unha falsa sensación de seguridade por levar unha mascarilla, esquecendo as medidas fundamentais que realmente garanten a seguridade: manter a distancia social mínima e extremar as medidas de hixiene, pois a día de hoxe ningún organismo sanitario estableceu a obrigatoriedade (nin sequera a recomendación) do emprego masivo de mascarillas por parte da cidadanía. Cando sexa preciso e se conte con material suficiente, o Concello organizará o reparto con tódalas garantías sanitarias, evitando situacións que poidan propagar en maior maneira o virus, como pode ser o reparto masivo porta a porta por parte de numerosas persoas”.
Loli castiñeira: “A adquisición destas 9.500 unidades de máscaras de protección faise para o momento en que se comecen a flexibilizar as medidas do estado de alarma e a veciñanza poida saír, de xeito controlado, ás rúas, e as autoridades sanitarias establezan a recomendación ou obrigatoriedade de empregalas, atendendo deste xeito aos 9.170 veciños e veciñas de Salceda. Ata agora atendéronse a aquelas persoas que pola súa actividade e exposición precisan unha especial protección”.

Gabinete de prensa, 23 de abril de 2020