O concello de Salceda e a Escola de Fútbol Denis Suárez acordan colaboración social:

Nos pasados meses a Concellería de Servizos Sociais e a Escola de Futbol Denis Suárez reuníronse para levar adiante un proxecto de axuda para as familias máis vulnerables do noso concello.

Na actualidade , o departamento de Servizos Sociais do concello conta con 29 menores con expediente aberto en situación ou risco de exclusión social.

A Escola xa participou con anterioridade en axudas ás familias de Salceda, no inicio da pandemia Denis Suárez fixo entrega dun donativo  para a distribución de cheques para alimentación básica, prazas gratuítas para o Campus que a Escola realiza todos os veráns e no último Nadal facéndose cargo da compra de agasallos de Reis para os menores vulnerables.

A todas estas accións súmase agora o Programa de Apadriñamento de Accións Sociais.

Obxectivos:

  • Participar no desenvolvemento integral dos menores de familias en situación ou risco de exclusión social.
  • Participar en diminuír a brecha educativa que existe entre os menores en idade escolar.
  • Investir en garantir unha alimentación sa e equilibrada de menores en situación de vulnerabilidade.
  • Cubrir as necesidades de libros e material escolar de menores en idade escolar non obrigatoria.
  • Apoiar aos menores en risco para que poidan ter un espazo seguro lúdico.

Accións:

  • Comedor escolar.
  • Ludoteca.
  • Apoio escolar.
  • A escola en igualdade.
  • Campamentos diúrnos de verán.

Dende o concello queremos agradecer o compromiso da Escola Denis Suárez coa poboación máis vulnerable da nosa vila e a súa preocupación polo benestar dos menores en prol da igualdade de oportunidades.

 

               

               

Gabinete de prensa, 22 de xullo de 2022