O Concello de Salceda concede a licencia de primeira ocupación do novo centro de saúde

Esta mañá celebrouse a Xunta de Goberno extraordinaria urxente co único punto na orde do día da aprobación da licencia de primeira ocupación do novo Centro de Saúde de Salceda, nun prazo de tan só catro días dende que a Área Sanitaria de Vigo rexistrase a solicitude o pasado martes. O Centro de Saúde abrirá as súas portas previsiblemente o vindeiro luns, e o equipo de goberno de Salceda quixo que o fixesen coa licenza concedida, a pesares de contar con un prazo de tempo tan breve para a realización dos informes técnicos e xurídicos, tendo en conta ademais que o mércores foi día festivo. Así pois, en tan só tres días laborais o Concello foi quen de conceder a licenza para que todo estivese listo para a apertura do centro. O equipo de goberno amosou a súa satisfacción por ter chegado por fin á conclusión deste longo proceso. 

                O Centro de Saúde de Salceda atende a día de hoxe a 7.822 persoas, das cales 1.300 pertencen á área de pediatría. O actual edificio, de finais dos anos 80, resultaba xa insuficiente para ofrecer unha atención de calidade, polo que o novo centro era dende fai anos unha demanda especialmente urxente en Salceda.

                O novo edificio conta con unha superficie total de 1.321,11 m2, dividida en dúas plantas,  aos que hai que sumar 168 m2 de espazos exteriores descubertos. A nova instalación albergará dúas consultas de pediatría (aínda que polo de agora o SERGAS manterá unha única praza cuberta), unha consulta de enfermería de pediatría, 5 consultas de medicina xeral con cadansúa consulta de enfermería anexa e unha consulta de matrona e traballador social, ademais da sala da muller na que se realizarán as actividades pre e post parto, a sala de lactancia, a sala de extraccións, e a denominada “sala COVID”, que a nova realidade obrigou a habilitar nesta nova instalación. No exterior do edificio o Concello de Salceda executou xa as obras de urbanización da Rúa Mártires de Sobredo, incluídas no Plan Concellos 2017, ás que se lle sumou nos últimos días a creación de dúas novas zonas de aparcadoiro con máis de cen prazas dispoñibles.       

Gela Ledo, Concelleira de Sanidade: “seguiremos a solicitarlle á Xunta de Galicia que un edificio novo e vangardista como este se dote do persoal e material precisos para que o servizo ás veciñas e veciños sexa o que lle corresponde á nosa poboación”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “O Concello concedeu a licenza de primeira ocupación nun tempo récord, poñéndonos unha vez máis a disposición da Xunta para que este edificio puidese ser unha realidade canto antes. Salceda está de noraboa, e como alcaldesa non podo deixar de agradecer o enorme traballo das persoas que me antecederon para poder chegar a este día histórico para Salceda”.

 

Gabinete de prensa, 26 de xuño de 2020