O concello de Salceda abre o prazo para a solicitude de composteiros individuais e cubos de reciclaxe :

A concellería de Medio Ambiente de Salceda, que dirixe Rubén González ven de poñer en marcha o procedemento de entrega de composteiros individuais e cubos de  10 litros a través das subvencións para o financiamento de actuacións, en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Esta entrega de composteiros individuais e cubos teñen como finalidade estender as prácticas de compostaxe comunitaria ás diferentes vivendas unifamiliares e vivendas do centro urbano do municipio para acadar unha xestión máis sostible dos refugallos orgánicos.

As persoas interesadas na obtención dalgún dos composteiros ou dos cubos deberán realizar a solicitude dos mesmos a través da sede electrónica ou dunha instancia xeral no Rexistro do Concello, aportando o DNI e un recibo do lixo. O prazo para solicitar os composteiros e cubos rematará o día 31 de outubro.

Os composteiros serán entregados por rigorosa orde de entrada no rexistro de cada unha das solicitudes. As persoas que se queden sen o seu composteiro ou cubo nesta convocatoria serán incluídas nunha lista de agarda para outras posibles entregas que se poidan realizar polo concello.

Rubén González Coto, concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural: “Esta entrega de composteiros individualizados e cubos supón dar un paso moi importante para estandarizar no noso concello a compostaxe comunitaria, como fórmula para o tratamento sostible dos refugallos orgánicos”.

Verónica Tourón Domínguez: “Non so é importante concienciar a veciñanza do noso concello de que o reciclaxe é necesario para poder tratar a gran cantidade de refugallos que xeramos diariamente, senón que dende a administración pública, temos que proporcionar información e por a disposición da cidadanía ferramentas para que a leven a cabo da maneira máis sostible posible”.

 

Gabinete de prensa, 14 de outubro de 2022.