O Apalpador chega a Salceda dentro do Programa ‘Nadal en Galego’

Esta mañá presentouse no Concello de As Neves o Programa “Nadal en Galego”, da Deputación de Pontevedra, que vai achegar a figura do Apalpador ata o Concello de Salceda de Caselas o 21 de decembro. O programa ‘Nadal en Galego’ levará a 19 concellos da provincia espectáculos familiares que fomentarán transversalmente o uso e a dinamización do idioma ao tempo que contribúen a complementar a oferta cultural propias destas datas. “Trátase dun espectáculo que introducimos por primeira vez desde a Deputación e co que queremos recuperar unha figura que para determinadas zonas da provincia resulta máis descoñecida ” sinalou Xosé Leal. Mentres, a concelleira de Cultura de Salceda de Caselas, Teresa Pérez, asegurou que dende o Concello xa levan anos traballando a tradición a través da figura de ‘O Apalpador’ con grande éxito e moita acollida por parte de máis novos e adultos, polo que “agradecemos o apoio da Deputación para poder achegar un ano máis este espectáculo ás nosas rúas e axudarlle a un Concello pequeno como o noso a completar a súa programación nestas datas”.

O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, asegurou esta mañá no Concello de As Neves que “este programa é un complemento á programación dos concellos, co que queremos poñer o noso gran de area para introducir o idioma e a tradición nunha época na que os máis cativos están máis na rúa “.  Así, ‘O Apalpador’ chegará ás rúas de As Neves ás 12:00h, a Ponteareas ás 17:00h e a Salceda de Caselas ás 19:00h, do día 21 de decembro.

Este espectáculo está fundamentado na recuperación de valores medioambientais e de hábitos saudables. Trátase dun espectáculo musical que comenzará cun pasarrúas pola vila no que o ‘Apalpador’ acompañado dun músico e dun burro fariñeiro, feito en madeira de bidueiro, convidarán aos nenos e nenas a subirse á súa montura por quendas e viaxar con eles. A ‘viaxe’ consistirá nun percorrido polas lendas da cultura das montañas galegas, para coñecer os animais do bosque, os apeiros propios dunha casa, e a natureza propia de zonas como O Courel e Os Ancares. Para iso, despois do pasarrúas, visitarán unha exposición titulada ‘A xanela do Courel’ con fotografías e e pegadas de animais do bosque feitas en arxila, como lobos, osos, raposos ou donicelas, e de utensilios e apeiros dunha casa da montaña, para que poidan coñecelos e familiarizarse con eles. O espectáculo remata cunha sesión de contacontos dirixido a todos os públicos, na que se tratará de promover o coidado da natureza, a necesidade de preservar o noso medio natural e de fomentar actitudes persoais baseadas en hábitos saudables e dietas sás.

É un espectáculo que vincula o Nadal coa tradición, recuperando unha figura que forma parte dos trazos identitarios galegos, para que os máis novos e as máis novas poidan familiarizarse con este personaxe e coñecer a súa historia. ‘O Apalpador’ representa unha figura mítica, que orixinariamente se representaba como un carboneiro de barba vermella e que segundo a tradición baixaba ás vilas desde as montañas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas para ver se comeron suficiente durante o ano e deixándolles a cambio agasallos e castañas, así como para desexarlles un novo ano cheo de felicidade e comida.