Novo horario do Roupeiro Municipal. Disporá ademais de un sistema de cita previa

O roupeiro municipal de Salceda de Caselas abriu de novo as súas portas, dende o pasado 15 de setembro. O novo horario é os mércores de 16:00 a 18:00 horas e os xoves de 9:30 a 11.30 horas, nas instalacións do baixo do concello, en fronte a Policía Local. Ademais, para todos aqueles e aquelas que non poidan acudir neste horario ábrese tamén a posibilidade de concertar cita previa a través da Concellería de Benestar Social ou Servizos Sociais para atención personalizada noutros horarios.

O roupeiro municipal, xestionado por voluntarios, almacena na actualidade todo tipo de pezas: pantalóns, vaqueiros, camisas, blusas, camisetas, xerseis, americanas, abrigos, … Para todas as idades, dende bebés, pasando por nenos, adolescentes e adultos, así como xoguetes e distintos accesorios de bebé. Dende a súa posta en marcha, no ano 2012, o Roupeiro Municipal atende unha media mensual de 100 familias.

A concellería de Benestar Social, fai de novo un chamamento á solidariedade de todos os veciños e veciñas, para que segan subministrando roupa e calzado, pero fai fincapé no material de puericultura como silliñas, berces, cadeiras de paseo, tronas…, xa que neste intre o Roupeiro Municipal ten lista de espera en algún destes casos, por falta de subministro. Ao mesmo tempo, animan as familias que o precisen a facer uso deste servizo municipal.

Ademais, a concellería de Benestar Social quere amosar o seu agradecemento a Bolsa de Voluntarios de Salceda, grazas a cal se poden levar a cabo moitas iniciativas solidarias como estas e moitas outras organizadas polo Concello, e en moitas ocasións polas propias voluntarias e voluntarios.

Máis información na Concellería de Benestar Social, no teléfono 986343368 ou no correo electrónico tenenciadealcaldia@salcedadecaselas.es