Nova pista entre os barrios de Petoa e Rial

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de vías e obras, está a executar estes días a apertura da nova pista entre a Petoa e o Rial, na parroquia de Santa María. As dúas zonas estaban unidas por un camiño de terra que agora se acondiciona para convertelo nunha pista asfaltada de 6 metros de ancho, cunha lonxitude de 100 metros.
Estamos a falar dun acceso moi transitado pola veciñanza dos barrios da Feira, pola súa ubicación cercana á igrexa e cemiterio parroquiais, así como á residencia da terceira idade que se atopa na zona, e que tamén verá mellorada a súa contorna coa creación dun reductor de velocidade que mellore a seguridade da zona, dentro do mesmo proxecto. A pista ata o de agora limitábase ao paso de peóns, pero con esta reforma permitirá tamén a circulación de vehículos.
O proxecto, que conta cun orzamento de 12.363,18 €, está financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2017, e foi executado grazas ás baixas que se produciron na adxudicación do proxecto da senda do Landres entre O Seixo e o Muiño da Pereira, que permitiron empregar ese sobrante no proxecto que actualmente se está a levar a cabo.
O Concello segue así a mellorar e ampliar a rede de estradas das diferentes parroquias, priorizando aquelas que chegan a través de demandas veciñais, como é este caso.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, e o Concelleiro de vías e obras, Miguel González, visitaron esta semana as obras de acondicionamento para comprobar de primeira man os avances realizados. Tal como lles trasladou a empresa, en canto volte o bo tempo procederase ao asfaltado da estrada, rematando así a execución do proxecto.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Salceda é un Concello rural e as nosas parroquias merecen que fagamos un importante esforzo en infraestruturas. A calidade de vida das nosas parroquias está a ser reclamo en moitos outros lugares, e pequenas obras coma esta contribúen a ese benestar que buscamos. Dentro das posibilidades que teña o Concello seguiremos a realizar este tipo de melloras ao longo das sete parroquias”.

Gabinete de prensa, 26 de setembro de 2019