Iniciadas as obras de mellora do cruce da Lomba en Budiño

A Deputación de Pontevedra vén de dar inicio as obras de mellora na EP-2503, no coñecido como ‘Cruce da Lomba’, un punto negro desta no que, a baixa visibilidade, foi orixe de numerosos accidentes.

Co inicio destas obras “solucionase un problema histórico na parroquia de Budiño”, asegurou o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada quen lembra que o Concello tiña trasladado “en reiteradas ocasións” á Deputación de Pontevedra, propietaria da estrada principal do cruce, “a necesidade de realizar obras que melloraran a seguridade dos usuarios e usuarias desta vía”.

No transcurso do ano 2016 desenvolvíanse varias reunións técnicas a fin de elixir a máis idónea. Ao final optouse por un proxecto que incorpora a ampliación do radio de curvatura da estrada principal, así como o ancheamento do cruce na súa marxe oeste, traballos que contan cun investimento de 115.745,01 € que corren a cargo da Deputación de Pontevedra.

Para a viabilidade do proxecto, foi preciso realizar a ocupación de nove parcelas privadas cuxas actas de expropiación asinábanse en maio do 2017.

Marcos Besada agradecía á Deputación “o cumprimento dos compromisos adquiridos co Concello á hora de eliminar un punto de alto risco para a circulación desta estrada”. Besada quixo tamén resaltar, como xa o fixera no momento da sinatura das actas de expropiación “a boa predisposición dos veciños e veciñas afectados, colaboración sen a que dificilmente podería terse acometido esta importante mellora de seguridade viaria”.SKMBT_C25318012216260