Fin de semana solidario en Salceda

VX1

Este fin de semana será máis solidario que nunca en Salceda, no que terán lugar unha serie de actividades que colaborarán coas familias máis necesitadas.

 

Sábado 13 de decembro. IV Recollida de libros e xoguetes e Teatro Solidario.

A concellería de Benestar Social e a Bolsa de Voluntarios de Salceda volve a poñer en marcha este nadal a cuarta campaña do Nadal Solidario. Trátase dunha iniciativa para a recollida de libros e xoguetes usados pero en bo estado, co fin de que ningunha nena nin neno quede sen un agasallo neste Nadal.

Para este fin, o próximo sábado 13 de decembro, permanecerá aberto o Auditorio Municipal de 16:00 a 21:00 horas, no cal un grupo de voluntarios e voluntarias estará recollendo os agasallos.

Ademais, aquelas persoas que queiran doar os seus xoguetes e non poidan achegalos ó Concello, só teñen que chamar por teléfono e deixar os seus datos, xa que a asociación Oso Panda Salceda colaborará coa Bolsa de Voluntarias recollendo estas doazóns a domicilio.

O Auditorio tamén acollerá ese mesmo día ás 21:00 horas, a obra de teatro solidario “Doutor de Cabeceira” da Xesta Vermella, que tamén colabora de maneira totalmente altruísta co Programa de alimentos, recollendo un alimento de nadal como prezo da entrada.

 

Domingo, 14 de decembro. Festival Solidario “Por Eles”

Dende Bolsa de Voluntarios quérese informar que este domingo ás 17:00 horas, no Pavillón Municipal terá lugar un Festival solidario para recoller alimentos de nadal para o Programa de Alimentos.

No festival participarán doce colectivos diferentes, todos eles de maneira totalmente altruísta: ANPA Altamira, ANPA As Landras, Asociación Oso Panda, Asociación Xunco de Parderrubias, Centro Cultural San Xurxo, Centro Cultural O Coto, Centro Cultural Soutelo, Centro Cultural Barreiro, Som de Gringo, A Insua Caldelas, Dinamik- Zumba e as Escolas Deportivas Municipais. Todo isto baixo a organización da Bolsa de Voluntarios de Salceda (VOLSA), no que traballarán preto de 30 voluntarios e voluntarias.

Unha vez recollidos os xoguetes e alimentos, será a Bolsa de Voluntarios a encargada de preparar, clasificar e empaquetar para realizar a entrega os usuarios e usuarias do Programa de Alimentos.

Hai que suliñar que cada ano son máis os voluntarios e voluntarias que se unen a estas iniciativas e que botan unha man sen recibir nada a cambio. Ademais cada vez tamén son máis as asociacións, empresas, particulares e distintos colectivos que realizan doazóns ó programa de alimentos do Concello, a maioría deles de xeito totalmente anónimo.

 

Foto: voluntaria na xornda contra a violencia de xénero.