En licitación a renovación do alumeado por máis de 1.000.000€

Salceda de Caselas, 1 de febreiro de 2024
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a apertura da licitación do proxecto de renovación do alumeado público exterior no Concello de Salceda de Caselas, con un orzamento de 1.398.731,82€. O proceso de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 26 de febreiro.
Este importante proxecto está financiado na súa totalidade por fondos europeos a través do IDAE, constituíndo deste xeito a maior subvención da historia de Salceda.
Trátase dunha actuación integral no rural a fin de conseguir unha infraestrutura de alumeado segura e eficiente enerxeticamente, para o cal se levará a cabo unha renovación dos 53 cadros e dos 2.780 puntos de luz existentes nas parroquias do municipio, co que se conseguirá reducir o consumo de enerxía en máis dun 60%. A reforma levarase a cabo durante este ano 2024.
Marcos Troncoso, Concelleiro de Axenda Ecolóxica: Este investimento supón un fito para o noso Concello, porque ademais de conseguir a renovación completa da rede de alumeado público e o impacto indubidabelmente positivo que isto suporá en canto a aforro enerxético e económico, implica tamén un paso adiante en termos de sostibilidade e no compromiso deste Concello por diminuír o seu impacto ambiental e contribuír na mitigación do cambio climático.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: Este proxecto é o resultado do traballo de moita xente ao longo destes últimos anos, que hoxe por fin se fai realidade. Estamos a falar da maior subvención da historia do noso Concello, que nos vai permitir acometer unha reforma fundamental a custe cero para as arcas municipais”.
Gabinete de prensa, 1 de febreiro de 2024