Curso de monitor de tempo libre para a mocidade de Salceda

Monitor

Xa está aberta a inscrición dunha nova edición do programa Actívate en Salceda de Caselas, no que este ano se impartirá o curso de “Deseño, Planificación e Desenvolvemento de Actividades de Lecer e Tempo Libre”, no que participarán un total de 25 alumnos/as. Os interesados deberán solicitar información e reserva na OMIX, situada no primeiro andar da Casa da Cultura Castelao.

 

O programa ACTÍVATE  vai destinado principalmente a mozos/as de entre 16 e 35 anos e que se atopen nunha situación de desemprego e estean censados no municipio de Salceda de Caselas. En caso de non cubrir o alumnado cos participantes que cumpran estes requisitos pódese abrir a inscrición a todos os tramos de idade e situacións laborais. Como programa destinado a xuventude que é, no Concello está coordinado pola Concellería de Mocidade que dirixe Loli Castiñeira, a través da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil).

 

No Curso de Deseño, Planificación e Desenvolvemento de Actividades de Lecer e Tempo Libre vanse tentar obter uns obxectivos claros, dentro da importancia que ten a animación e o tempo libre para a inserción laboral dos mozos/as.

Estes son

1.-Analizar o contexto da animación sociocultural

2.-Deseñar e programar actividades de lecer e tempo libre

3.-Transmitir a relevancia educativa da súa actuación

4.-Acondicionamento básico dun aula educativa

 

As clases teóricas desenrolaranse na Casa da Cultura Castelao, e as prácticas levaranse a cabo en diversos espazos do municipio.

 

Esta é a sexta edición do programa, e en todas elas participou o Concello de Salceda. En anos anteriores impartíronse cursos de diferentes ramas profesionais solicitados sempre polos usuarios da OMIX. Dende os relacionados coa hostalería: “Cociña e Repostería” (ano 2009), “Tapas, pinchos e Canapés” (ano 2011); a administración de empresas: “Contratos e Nóminas” (ano 2010); a imaxe dixital “Fotografía iniciación”, “Fotografía avanzada” (ano 2012); “Creación dunha Horta Ecolóxica” (ano 2013). En total máis de 175 rapaces fixeron formación teórico/práctica en distintas modalidades ao longo destas cinco edicións.