Comeza a rehabilitación da antiga casa do mestre de San Xurxo

Comezan as obras de rehabilitación da antiga casa do mestre de Vendanova na parroquia de San Xurxo. Traballos que se levan a cabo co Obradoiro de Emprego “Rehabilita Salceda” e que permitirán ampliar o espazo educativo nunha das escolas unitarias que acollen máis alumnado.

A actuación consiste en reformar e habilitar para uso educativo a parte da edificación que antigamente se destinaba a vivenda do mestre e que actualmente se atopa en ruínas. Con esta reforma daráselle ubicación a un aula polivalente de gran tamaño, unha pequena oficina, un aseo e un hall de entrada.

Como parte importante da reforma procédese a proxectar unha rampla de acceso lateral, a construción dun aseo adaptado e a conversión do aseo actual en adaptado, o que permitirá que sexa unha edificación completamente accesible. Tamén se incide nos illamentos térmicos e acústicos , ademais nos revestimentos, facendo fincapé na eficiencia enerxética.

Esta actuación é unha das tres intervencións que se realizarán co obradoiro de emprego, á cal hai que sumarlle o cambio de cuberta da aula de Picoña e o acondicionamento dunha pequena planta de almacenamento de refugallos que permitirá ao permitirá ao concello clasificar refugallos e reciclar dunha maneira máis eficaz e selectiva. Esta última actuación xa se está a levar a cabo de xeito simultáneo coa rehabilitación da casa do mestre.

Estas actuación seguen a liña de rehabilitación e reforma de espazos municipais para por a dispor da veciñanza, mellorando e aumentando servizos públicos fundamentais.

O obradoiro de emprego posibilita aprender un novo oficio de forma remunerada, pero ademais aporta outras moitas experiencias sociais e é unha oportunidade para atopar novas saídas laborais. Ademais de facer unha labor importantísima e moi útil. Un obradoiro que ademais relaciona catro áreas fundamentais no benestar da veciñanza: educación, medio ambiente, emprego e formación.

Verónica Tourón alcaldesa e concelleira de Emprego e Formación: “Dende a concellería de emprego sempre apostamos polos obradoiros e a súa metodoloxía pedagóxica de “aprender traballando” porque contribúe á formación integral do seu alumnado traballador e revirte dunha forma moi positiva a nivel social no noso concello coa rehabilitación das instalacións municipais que prestan servizo á veciñanza”.

Gabinete de prensa, 17 de febreiro de 2022