Campaña para aumentar o reciclado de vidro

Salceda, 14 de xuño de 2016.- Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en toda España, e o Concello de Salceda de Caselas, veñen de iniciar unha campaña para aumentar a reciclaxe de vidro no municipio que se veu desenvolvendo durante os últimos meses deste ano.

O sector da hostalería en España xera o 50% dos residuos de envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é indispensable para construír un modelo máis sustentable. Por iso, o primeiro obxectivo desta campaña consistía en mellorar a taxa de recuperación de envases de vidro xerados na canle da hostalería de Salceda. Esta aposta pola canle da hostalería e da restauración motivou a instalación por Ecovidrio de 7 novos colectores tipo VACRI dotados dun sistema especial de elevación e envorcado que están deseñados para facilitar a reciclaxe de vidro aos establecementos hostaleiros. Para iso repartirá estes días máis de 20 cubos adaptados a este sistema de conterización aos establecementos que así o solicitaron tras a visita dos técnicos de Ecovidrio levada a cabo recentemente.

Ademais, e paralelamente á citada acción hostaleira, a Concellería de Medio Ambiente do Concello en estreita relación con Ecovidrio estudará a conterización actual do municipio para optimizar os recursos existentes e valorar a implantación de novos colectores que puidesen complementar a actual recollida selectiva de vidro. Como primeira medida procederase nos próximos días á recolocación e localización dos 6 iglúes que foron substituídos agora polo novo sistema de conterización.

Datos de reciclaxe de vidro en Salceda

Segundo os últimos datos dispoñibles, os cidadáns deste municipio do Baixo Miño reciclaron máis de 103 toneladas de envases de vidro o que equivale a unha media de 11.6 kg de vidro por habitante. Isto supón que cada cidadán reciclou máis de 44 envases de vidro por persoa.

Grazas ao vidro depositado nos colectores, logrouse evitar a emisión de case 70 toneladas de CO2, a extracción de 124 toneladas de materias primas e o aforro de aproximadamente 280 MWh de enerxía.

En canto á taxa de conterización, o Concello dispoñerá agora dun total de 47 colectores instalados, o que equivale a un colector por cada 189 salcedenses.

 

Beneficios para o medio ambiente

Ecovidrio garante que o 100% do vidro que se recupera nos colectores é reciclado para fabricar novos envases de vidro e lograr múltiples beneficios para o medio ambiente e a sociedade.

Cun xesto tan sinxelo como o de separar as botellas, botellos, tarros e frascos usados para depositalos despois nos colectores, redúcese o consumo de enerxía, afórranse materias primas e diminúense os vertedoiros e a contaminación do aire.

Os colectores de vidro situados nas rúas serven para recoller unicamente os envases de vidro: botellas, botes, tarros e frascos que se consomen nos fogares e no sector da hostalería, a restauración e o catering. Hai outros materiais como a cerámica ou outros tipos de vidro (pratos, vasos, cristais de xanelas, etc.), que ao ter unha composición distinta á do vidro dos envases, deben ser depositados nos puntos limpos dos pobos e cidades.

 

Sobre Ecovidrio

Ecovidrio é a entidade sen ánimo de lucro, encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, desde 1998. A compañía encárgase de xestionar integramente a cadea de reciclaxe, mediante a recollida selectiva, o transporte, o tratamento de envases de vidro e a súa posterior comercialización.

Ecovidrio proporciona un servizo público, universal e gratuíto para o cidadán e pon a disposición das compañías que envasan os seus produtos en vidro un modelo de xestión eficaz e eficiente, tanto desde a perspectiva ambiental como económica.

Na actualidade, un total de 2.558 compañías están adheridas a Ecovidrio. Os sectores integrados na asociación representan máis do 3% do PIB español e comercializan o 99% dos envases de vidro.