Piden unha partida orzamentaria excepcional para que administracións, empresas e veciñanza poidan afrontar as cuantiosas reparacións
Os trece rexedores e rexedoras lamentan que un mes despois da catástrofe a Xunta non visitase as zonas afectadas nin se interesase pola situación
Tomiño, 2 de febreiro de 2023.- Alcaldesas e alcaldes de trece concellos do sur da provincia de Pontevedra afectados polas inundacións sufridas o pasado Nadal e Aninovo urxen á Xunta de Galicia que declare o territorio como Zona de Emerxencia de Protección Civil e estableza medidas de apoio económico para asumir a rehabilitación dos municipios.
Xunto cando se cumpre un mes desta catástrofe, as rexedoras e rexedores da Cañiza, As Neves, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, O Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Nigrán, Gondomar e Redondela enviaron unha carta conxunta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosando o seu malestar “por unha inexistente xestión por parte do executivo autonómico” ante as graves inundacións sufridas. Os Gobernos locais estiman que as fortes choivas desas datas provocaron danos por valor de xxx euros nestes 13 municipios.
Unha “situación extrema para os concellos afectados e a súa veciñanza”, xa que a reparación do importante número de desperfectos ocasionados en instalacións, estradas, muros… municipais está a provocar un gasto extraordinario e urxente de atender, tamén para a poboación, debido a que temporais e choivas asolagaron numerosas propiedades privadas individuais ou de comunidades veciñais e instalacións de pequenas e medianas empresas.
Tras o elevado balance de estragos, os concellos afectados solicitan tamén á Xunta unha partida orzamentaria extraordinaria dada a excepcionalidade dos danos nestas comarcas, como o Plan Complementario de Axudas que se comprometeu a habilitar a Deputación de Pontevedra en canto a administración autonómica aplique a Lei de Emerxencias e declare a Emerxencia de Interese Galego nos municipios afectados. A posta en marcha desta partida excepcional por parte da Xunta non só permitiría aos concellos afectados afrontar os danos, “senón que beneficiaría tamén a milleiros de veciños e veciñas que teñen que recompoñer as súas vivendas e propiedades tras os estragos pola forza inusual da auga e a persoas autónomas e moitas pequenas e medianas empresas que viron danadas as súas instalacións, algo especialmente preocupante nun territorio cunha alta actividade agraria”.
As 13 alcaldesas e alcaldes lamentan que, despois de 30 días, ningún representante da Xunta de Galicia visitou a zona para coñecer a realidade nin fixo ningún tipo de contacto para interesarse polos danos sufridos nin pola integridade física das persoas afectadas nas zonas inundadas, “evidenciando unha gran falta de interese e empatía” pola veciñanza duns concellos que aglutinan arredor do 20% dos habitantes de toda a provincia de Pontevedra.