AEMOS e o concello de Salceda presentaron a Oficina Acelera Pyme Rural

A alcaldesa de Salceda Verónica Tourón, xunto con Francisco Domínguez xerente da Asociación de Empresarios de Mos presentaron no CDL  O Torrón a Oficina Acelera Pyme. Unha iniciativa posta en marcha pola Asociación, en colaboración coa entidade pública Red.es e financiada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea.

Na presentación tamén participou David Sobral, Secretario Xeral da Federación Galega de Parques Empresariais, entidade colaboradora do proxecto.

Á xornada asistiron empresas e persoas autónomas de Salceda e arredores e amosáronse as utilidades e ferramentas , que a Oficina Acelera Pyme pon a disposición das pemes que queiran utilizar os seus servizos, como os test de autodiagnose, os informes personalizados de solucións dixitais ou a formación específica relacionada coa transformación dixital no eido empresarial.

O concello de Salceda, entidade colaboradora desta oficina, celebrará diferentes eventos como charlas, seminarios e xornadas relacionadas coa difusión da mesma para prestar asesoramento á pemes e emprendedores locais e comarcais.

O xerente de AEMOS salientou a vocación da oficina de crear un ecosistema que axude as pemes no seu proceso de transformación dixital e que se estenda dende o ámbito local da asociación ata o comarcal e provincial.

O Secretario Xeral de FEGAPE incidiu na importancia deste tipo de iniciativas de apoio para o desenvolvemento do tecido empresarial local e comarcal e na capacidade de AEMOS pola súa ampla experiencia de levalas a cabo con éxito.

A alcaldesa Verónica Tourón salientou que a transformación dixital viu para quedarse e que é necesario apoiar as nosas empresas, con este tipo de oficinas, para que poidan superar o reto do desafío tecnolóxico con éxito e dun xeito innovador.

 

Gabinete de prensa, 18 de novembro de 2022