A XI Andaina Concello de Salceda percorrerá catro Concellos

O vindeiro sábado 19 de maio,  Salceda de Caselas acollerá a decimoprimeira edición da andaina “Concello de Salceda”, incluída na Copa Galega de Andainas. A proba, organizada polo Centro Cultural O Coto de Budiño, en colaboración co Concello de Salceda, ofrece duas alternativas de participación, podendo elexir 25 ou 50 km. A saída realizarase dende o centro cultural ás 9:00, na parroquia de San Estevo de Budiño, e percorrerá diversos puntos do entorno natural do municipio así como dos Concellos limítrofes, destacando as sendas e as áreas de lecer.

Para poder participar na andaina, é preciso inscribirse antes do martes 15 de maio a través da páxina web www.aforna.org, abonando un prezo de 10 € para as/os socias/os e/ou federadas/os e 12 para as/os non socias/os e/ou non federadas/os. O prezo inclúe os diferentes avituallamentos que se disporán ao longo do percorrido, así como o xantar final no centro cultural.

As previsións, en base aos anos anteriores, son de que se completen as 250 prazas ofertadas para participar nesta proba, que ademáis da xeografía natural do Concello de Salceda, pasará tamén por puntos dos Concellos veciños de Porriño, Ponteareas e Salvaterra de Miño. Estamos a falar dunha andaina coas mellores críticas tanto a nivel organización como a nivel de interese natural e de elección de percorrido.

Manuel Fernández Ramírez, máximo responsable do evento, agradeceu a enorme participación e a deportividade amosada polos/as participantes nas edicións anteriores. “O bo funcionamento da proba ata o de agora fai que cada ano a preparemos con máis adicación e máis ganas. Estamos seguros de que a andaina preparada para este ano non vai defraudar ás persoas participantes que se animen a realizala”.

Carla Pérez, Concelleira de Medioambiente e Deportes: “Esta proba serve cada ano para que Salceda amose as súas sendas e os seus tesouros naturais, contribuíndo á posta en valor do noso entorno. Manuel Fernández, xunto cos seus colaboradores realizan unha excelente tarefa cada ano con esta andaina, e o Concello de Salceda terá sempre as portas abertas para esta e outras iniciativas tan ben organizadas”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda de Caselas: “Estamos ante unha nova oportunidade que Salceda non vai desaproveitar para abrir as portas do noso municipio nunha cita que se ten convertido  xa en referente neste tipo de probas. As e os participantes nesta andaina poderán disfrutar das nosas paisaxes e das áreas que con tanto esforzo estamos a recuperar e a poñer en valor para o desfrute de salcedenses e visitantes”.

 

Salceda de Caselas, 8 de maio de 2018