A oposición deixa sen Xefa de Gabinete o goberno de Salceda

A Alcaldesa asinou hoxe o cese trala decisión do Pleno de non ratificar o decreto de nomeamento

A Alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, procedeu hoxe a asinar o cese da única persoa que exercía traballos encomendados a persoal de confianza, ao non ratificar o pleno municipal o decreto de nomeamento. O cese é efectivo dende o día 21 de agosto.

Na sesión plenaria celebrada onte, a corporación local decidíu non aprobar o nomeamento nas mesmas condicións que figuraba nos orzamentos do Concello, e tampouco con outras características diferentes como fora a pretensión inicial do grupo de goberno, o que na practica significa un rexeitamento ao nomeamento deste persoal eventual, e que se produce por vez primeira dende o ano 2006. O punto foi rexeitado cos votos en contra do PP e do Grupo Mixto-BNG e a abstención do PsdeG-PSOE.

A pesares de que un dos grupos políticos (PSdeG-PSOE) mostrouse a favor de que o persoal eventual puidera existir sempre en cando non se actualizase o seu salario (igual que en 2019), finalmente na sesión plenaria decidiu absterse, argumentando agora que o que se trataba era o conxunto, entendendo que non se podía aprobar o persoal eventual se non eran aprobadas as retribucións do resto dos concelleiros e concelleiras do goberno e da corporación. En consecuencia, o decreto asinado no seu día para cubrir o posto vacante por cambio de alcaldesa quedou sen efecto.

Tere Pérez, a persoa que viña desempeñando o cargo de Xefa de Gabinete, prestou os seus servizos tamén durante o goberno de coalición da pasada lexislatura, traballando por igual para os dous partidos nas mesmas condicións que agora o PsdeG-PSOE decide non apoiar.

A alcaldesa lamenta a decisión de non ratificar o decreto polo Pleno por cando esta persoa de confianza e que no orzamento aparece como Persoal eventual, denominado “auxiliar administrativo”, realizaba, entre outras, importantes funcións para o goberno e para a Corporación no seu conxunto, entre elas o apoio ao departamento de secretaría na xustificación e xestión de subvencións, tarefas que recaerán agora plenamente nun departamento xa de por si cunha gran carga de traballo.

Esta é a segunda vez que o equipo de goberno leva o posto do persoal de confianza ao pleno. A primeira propondo unha actualización salarial en base ao IPC con respecto a proposta actual, e a segunda, este 21 de agosto, atendendo a petición do PSdeG-PSOE de deixar a cantidade como estaba establecida en 2019, o que, lamentablemente, non serviu para a ratificación.

Gabinete de prensa, 22 de agosto de 2023