A Área Deportiva O Borralliño acolle o sábado o “Campo a través de Soutelo”

Salceda de Caselas, 14 de novembro de 2017 Preto de catrocentos nenos e nenas participarán, este vindeiro sábado 18 de novembro, no “Campo a través de Soutelo”, organizado pola Agrupación Deportiva Baixo Miño (Agrudebam) coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Salceda de Caselas.

A proba foi presentada onte na Casa da Cultura polo alcalde de Salceda, Marcos Besada, acompañado polo presidente de Agrudebam, Alfonso Lorenzo Vila; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides Alonso e a Concelleira de Deportes de Salceda de Caselas, Carla Pérez.

En total serán preto de catrocentos nenos e nenas os que participen nesta proba, enmarcada dentro do programa “Xogade” da Secretaría Xeral para o Deporte e que será a primeira actividade da tempada que desenvolve a Agrupación Deportiva Baixo Miño, tal e como sinalaba o presidente de Agrudebam, Alfonso Lorenzo, quen salientaba a importancia do traballo realizado “por parte da Agrupación Deportiva, o Concello, a Xunta de Galicia e a comunidade de Montes”. Lorenzo tivo tamén palabras de agradecemento “a todos os voluntarios e voluntarias que colaboran para que as probas que organizamos discorran sen ningún problema”.

Pola súa banda, Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, salientaba a importancia da proba e o traballo desenvolvido por Agrudebam xa que, aseguraba “traer catrocentos nenos e nenas, un sábado, para participar nesta proba, ten moito mérito e demostra que as cousas se están a facer ben”. Destacaba o traballo desenvolvido pola Agrupación Deportiva “composta na súa meirande parte por mestres e mestras, que o fan de xeito totalmente altruísta”.

Finalmente,  o Alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, logo de lembrar o primeiro contacto de Agrudebam co Concello no ano 2008 “cun proxecto que permitía a posta en valor dos espazos naturais do municipio a través do deporte”, asegurou que máis aló do aspecto deportivo da proba, o traballo da Agrupación Deportiva do Baixo Miño “ofrece unha visión da escola pública non circunscrita aos muros do colexio, senón abríndose á sociedade” co que se reivindicaba, sinalaba Marcos Besada, “o traballo dos mestres e mestras con esa visión de formar persoas”.

Logo de destacar a “tradición deportiva de Salceda”, Besada amosaba a súa satisfacción polo feito de que Salceda “poida poñer o seu gran de area apoiando estes proxectos que emanan da sociedade” e cos que, concluía, “estamos sementando presente e traballando entre todos e todas polo futuro dos nosos nenos e nenas”.

As probas disputaranse en diferentes categorías, adaptándose o percorrido á idade e capacidade dos e das participantes. Así ás 10:30 horas tomarán a saída os máis pequenos, encadrados na categoría Benxamín masculino (nados en 2009 e 2010) que disputarán a proba nun circuíto de 600 metros e, ás 10:40 horas, será a quenda das rapaza da categoría Benxamín Feminino, no mesmo circuíto.

A categoría Alevín (nados en 2007 e 2008) tomará a saída ás 10:55 no grupo das rapazas, cun percorrido de 1.000 metros, e ás 11:10 horas os rapaces terán que cubrir unha distancia de 1.200 metros.

Esa mesma distancia de 1.200 metros será a que teñan que facer as participantes en Infantil Feminino (nadas en 2005 e 2006) que tomarán a saída ás 11:25 horas, mentres que ás 11.40 sairá a proba de infantil masculino nunha distancia de 1.600 metros.

Finalmente, a categoría cadete (nados en 2003-2004) terá a súa saída na categoría feminina ás 12 horas para disputar unha carreira de 1.600 metros, mentres que a categoría cadete masculino tomará a saída ás 12:30 horas para un percorrido de 3.000 metros.

Nesta proba “aberta a colexios e clubes dos concellos de O Rosal, Tomiño, Tui e Salceda de Caselas”, tal e como apuntaba o presidente de Agrudebam, poderán participar clubes non circunscritos a esa zona xeográfica “se ben o farán fora de clasificación”.

Toda a información sobre a proba, os circuítos das diferentes categorías e as inscricións, pódese atopar no enderezo web http://www.agrudebam.es/campo-a-través/