As alcaldesas dos concellos de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, e de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, clausuraron este venres 22 de xullo o obradoiro de emprego “Sustentable”, acompañadas de Juan Pedrosa, Xefe de Servizo de formación e Orientación da Xunta de Galicia en Vigo, e da directora do obradoiro Ana Gómez Gómez, que conduciu o acto.
O obradoiro Sustentable empregou a 20 persoas dos dous concellos, e contou con dúas actuacións, unha na especialidade de Servizo de limpeza e xestión de residuos urbanos, no que se realizaron tarefas de limpeza e mantemento de superficies e mobiliario en edificios e locais municipais, e outra actuación na especialidade de Forestal, no que se puxo en valor o parque forestal Monte Castelo, na parroquia de Pesqueiras, no Concello de Salvaterra.
O obradoiro formou a 10 persoas no ámbito da limpeza, nos certificados de profesionalidade SEAG0209 Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, e SEAG0108 Xestión de residuos urbanos e industriais e a outras 10 persoas no ámbito forestal nos certificados AGAR0108 Aproveitamentos forestais, AGAR0309 Actividades Auxiliares en conservación e Mellora de Montes e (AGAR0209) Actividades auxiliares en Aproveitamentos Forestais.
Para levar a cabo o proxecto contratouse persoal directivo, docente e de apoio, en total cinco profesionais, que xestionaron e executaron o proxecto dende o propio CDL O Torrón en Salceda, levando a cabo a primeira etapa do proxecto que foi a formativa, complementada cunha segunda etapa de alternancia de traballo e práctica profesional nos dous concellos, para así recibir unha formación profesional adecuada á ocupación elixida.
Juan Pedrosa, Xefe de Servizo de Formación e Orientación da Delegación da Xunta de Vigo: ”Agradecer ao alumnado participante no obradoiro o seu esforzo na adquisición de destrezas e habilidades relacionadas coas súas especialidades formativas porque os traballos que realizaron en cada un dos concellos revertiron de forma moi beneficiosa na cidadanía de cada un deles, sendo esta a liña na que quere seguir traballando a Xunta de Galicia coa realización destes obradoiros ”
Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra de Miño. “Agradecer ao alumnado participante no obradoiro o seu duro e magnífico traballo no entorno do Parque Forestal de Monte Castelo, a través da colaboración acadada coa Comunidade de Montes, e salientar que o concello De Salvaterra de Miño quere continuar nesta liña de traballo coa solicitude dun novo obradoiro de emprego para este ano”.
Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda de Caselas e concelleira de emprego e formación. “Quero agradecer ao alumnado traballador participante o seu traballo e o seu esforzo por adquirir coñecementos e a todo o persoal técnico por realizar unha gran labor para que obradoiro se desenvolvese con total normalidade. Dende o concello de Salceda queremos seguir apostando polas políticas activas de emprego como ferramenta fundamental para mellorar a calidade de vida das persoas”.
Gabinete de prensa, 29 de xullo de 2022