A directora do ORAL, Inmaculada Viña, ven de confirmarlle ao Concello de Salceda de Caselas, logo de diversas consultas realizadas dende o equipo de goberno, que o organismo de recadación está en disposición de emitir de xeito escalonado os recibos derivados da regularización catastral que está a levar o Ministerio de Facenda en Salceda e noutros municipios. Deste xeito, tal como trasladou a directora, neste ano 2021 emitirase ademais do recibo anual o do ano 2018, no 2022 o do 2019 e no 2023 o do 2020, dándose por rematado deste xeito o proceso de regularización.
Esta medida ven a completar as demais iniciativas que se levaron a cabo dende o Concello de Salceda de Caselas para axudar á veciñanza, na medida do posible, a afrontar este proceso de regularización que de xeito unilateral iniciou o Ministerio de Hacienda, e que supuxo a emisión de máis de 15.500 notificacións á veciñanza de Salceda.
O goberno municipal estudia tamén co departamento xurídico o xeito de solucionar un dos maiores problemas que plantexa esta revisión, que é o das parcelas que se consideran urbanas nos núcleos rurais dende o 1997 coa aprobación das normas subsidiarias vixentes, e que na realidade non reúnen os requisitos para edificar. Nestes casos dende catastro aplícase un coeficiente redutor que vai dende o 0,6 ata o 0,8 dependendo das características das parcelas, pero o equipo de goberno considera que estas parcelas, mal definidas nas normas subsidiarias, deberían quedar fora desta regularización.
Ademais o goberno municipal traballa na modificación da ordenanza reguladora do IBI que permita unha posible baixada do tipo impositivo. A alcaldesa emitiu providencia de solicitude de informe á intervención municipal xa o pasado 10 de marzo, informe que foi emitido xa o 22 do mesmo mes, e que agora está a ser estudiado para ver as posibilidades de modificación. Tamén o 25 de marzo, dende a alcaldía, emitiuse providencia ao departamento de servizos sociais para que emitan informe das posibles bonificacións sociais que se poidan levar a cabo, e que será estudiado en canto se elabore. De tódolos xeitos, as posibles modificacións da ordenanza que se poidan aprobar, legalmente non se poderían aplicar ata o vindeiro ano.
O primeiro que se fixo dende o Concello foi a creación dunha oficina de asesoramento con catro persoas, que levan revisado xa máis dun milleiro de notificacións, e informado ás persoas afectadas dos xeitos de presentar recursos nos casos en que corresponde facelo.
Gabinete de prensa, 13 de abril de 2021