60 familias de Salceda e Salvaterra beneficiaranse dun programa conxunto pioneiro

Salceda de Caselas, 06 de maio de 2024

                Os Concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, a través das súas respectivas Concellarías de Igualdade, veñen de botar a andar unha iniciativa conxunta orientada á corresponsabilidade de pais e nais e á promoción da conciliación, que arrancará o vindeiro 15 de maio. 

A Xunta de Galicia vén de concederlle unha axuda de 10.586,27€ a este programa conxunto que acadou a mellor puntuación da convocatoria. “Acompañando á infancia e adolescencia dende a coeducación” é un proxecto que busca promover a corresponsabilidade na educación e a conciliación familiar servindo de apoio e acompañamento ás familias e á cativada nos seus procesos e en diferentes situacións vitais.  Atende ás familias e á comunidade educativa por unha banda a través da súa escola de familias e pola outra a través de diferentes iniciativas que garantan os coidados de calidade de 60 menores.

As estratexias de comunicación efectiva na familia, a prevención e detección de relacións tóxicas, a importancia da igualdade de xénero no ámbito familiar, a resolución de conflitos ou o impacto da pornografía nas relacións e na educación sexual dos e das menores serán algúns dos puntos a tratar nas diferentes sesións. As persoas interesadas poderán participar indistintamente en calquera das formacións ofertadas nos dous Concellos, que terán carácter práctico dotando de ferramentas educativas para o día a día. Para favorecer a asistencia a estas formacións, a iniciativa prestará un servizo gratuíto de atención e ocio da cativada de entre 4 e 16 anos durante as sesións.

                Dentro deste mesmo programa, un total de sesenta menores de ámbolos dous Concellos participarán en actividades que favorezan e posibiliten a conciliación e promovan a igualdade de xénero e as relacións sanas e iguais. Esta iniciativa cubrirá un total de 260 horas de atencións. Serán os servizos sociais dos dous Concellos os encargados de seleccionar os e as menores participantes.

                Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Con este novidoso programa damos cumprimento a dous obxectivos: atender a demanda social de conciliación das familias coa creación de 60 prazas gratuítas de coidados directos de menores, e por outra banda colaborar coa comunidade educativa na implicación dos homes nos coidados dos seus fillos e fillas”

                Marta Valcárcel, Alcaldesa de Salvaterra: “Estamos moi contentas de botar a andar unha iniciativa pioneira na contorna, e que vemos cada vez máis necesaria. Moitas veces como pais e nais vémonos desbordadas ante diversas etapas e situacións que viven os nosos fillos e fillas. Coa escola de familias queremos dar resposta a esta situación”.