Por vez primeira o Concello establece un Plan Anual por parroquias como ferramenta de planificación que evite a improvisación.
Salceda de Caselas, 21 de Maio de 2024
O concello de Salceda de Caselas vén de rematar a primeira fase do seu Plan Anual de Desbroces que botou a andar no mes de febreiro. O equipo de goberno dá resposta deste xeito ao seu compromiso electoral que trata de acometer unha actuación planificada e ordenada das tarefas de mantemento dos principais viais e camiños de propiedade municipal.
O paso polas diferentes parroquias vaise facendo de maneira escalonada utilizando maquinaria pesada como tractores con brazo articulado e tamén persoal con equipamento manual para aquelas zonas de máis complicado acceso e que precisan unha actuación máis localizada.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “A organización e planificación permítenos maior eficacia para dar cumprimento á normativa de prevención de incendios e ao mesmo tempo mellorar a seguridade viaria para conductores e peóns. Somos concientes da gran importancia destas tarefas para as nosas parroquias. Este primeiro Plan Anual de desbroces supón o cumprimento do noso compromiso coa veciñanza”.
Dentro do Plan anual, tamén se contempla o desbroce de espazos públicos, áreas recreativas ou sendas fluviais. A cantidade de quilómetros desbrozados en viais e camiños municipais ronda os 190 kms, ademais de preto de 8 kms en sendas (5,5 Senda do rio Caselas, 1,7 kms Senda do río Landres e 400 m da senda da Lagoela), así como o desbroce de 107 resalidos ou o perímetro de máis de 190 propiedades municipais (colexios, fontes, marquesinas, edificios, etc).
Este ano ademais, o Concello destinou máis de 36.000 € do Plan Máis Provincia da Deputación de pontevedra, a desbroce de espazos públicos e limpeza das zonas de paso do alumeado público, realizando o derrame de árbores e vexetación ao longo de todo o tendido.
O concelleiro de axenda ecolóxica Marcos Troncoso asegura que “O feito de ir actuando de maneira planificada permítenos atender as diferentes parroquias de xeito organizado pero sen esquecer aquelas zonas que precisan unha actuación puntual pola celebración de eventos parroquiais ou municipais”.
Nos vindeiros días incorporaranse 4 persoas ao equipo de desbroces, formando parte de diferentes programas de emprego. Este novo equipo estará dispoñible para realizar a segunda fase do Plan que comezará en breve polas parroquias de Santa María, San Xurxo e Picoña.