17 Asociacións Culturais e veciñais de Salceda reciben 35.400 € do Concello

17 asociacións culturais e de veciños veñen veñen de recibir nas súas contas as axudas para gastos de funcionamento do ano 2014. Ditas axudas van destinadas a colaborar na sufragación dos gastos que as entidades tiveron ao longo do ano, e que no mes de decembro tiveron que xustificar ante o Concello.

O Concello destina un total de 35.400 € para estes colectivos, asinando convenios cos oito centros culturais existentes no municipio (900 €), os dous coros (700 €), as catro asociación de veciños (400 €), os entroidos de Barreiro e Feira (1.600 €) e a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €).

Dende a Concellaría de Cultura que dirixe Teresa Pérez, insístese no enorme esforzo financieiro que supón para o Concello manter estas subvencións, sobre todo tendo en conta que a Xunta de Galicia deixou de financiar as actividades culturais do municipio hai xa varios anos. Os convenios pretenden ofrecer un importante apoio ás diferentes asociacións, xa que todas elas realizan unha enorme actividade ao longo de todo o ano, que fai que Salceda sexa coñecida pola multitude de opcións culturais e festeiras durante os 365 días do ano.

A subvención de maior importe é a que recibe a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 rapaces de tódalas idades.

A Concellaría de Cultura colabora ademáis durante todo o ano coas diferentes asociación co préstamo de material, donación de libros para as súas bibliotecas, asesoramento e información nos trámites con outras administracións…

Teresa Pérez, Concelleira de Cultura: “cada euro investido nas asociacións culturais é un euro ben investido. O Concello non ten capacidade para levar programación cultural ás sete parroquias, e isto súplese co apoio ás asociacións existentes en cada unha delas, que se encargan de realizar esa tarefa”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “as asociación culturais foron as grandes esquecidas durante 30 anos de goberno do PP. Agora contan con unha subvención nominativa que lles permite coñecer cal é a axuda do Concello dende o mesmo momento de aprobación dos orzamentos municipais”.

Gabinete de prensa, 30 de xaneiro de 2015