15 persoas benefícianse do programa “Cultiva a mente”

TER_3933 copia

O Concello de Salceda de Caselas, en colaboración con AFAGA e coa financiación da obra social de Caixabank está a desenvolver unha nova edición do programa “Cultiva a mente”, un proxecto que engloba a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional. As persoas participantes fano dun xeito activo, inmersos/as nun programa formativo que explora as preocupacións e necesidades de cada unha, proporcionando unha resposta que sexa extrapolable ó seu día a día e proporcione hábitos saudables no plano cognitivo e no afectivo.
Os/as asistentes ao programa realizan actividades de memorización, así como tarefas nas que se estimule a lóxica, a planificación, a organización e a toma de decisión, tanto individual como grupal. Realízanse tamén exercicios para mellorar a orientación temporal, espacial e persoal, ensinándolles ás persoas maiores a empregar axudas externas para orientarse.
Esta mañá a Alcaldesa Loli Castiñeira xunto coa tenente alcaldesa Verónica Tourón, a Concelleira de Benestar Social Gela Ledo, o director da oficina de Caixabank en Salceda de Caselas e o presidente de AFAGA, visitaron a actividade para saudar ás persoas participantes e agradecerlles a súa participación no programa. As persoas asistentes trasladáronlles unha valoración moi positiva da actividade, e aproveitaron para demandar que se realice durante máis tempo, por ser unha actividade considerada de moito proveito para todas elas.
O programa vai dirixido ás persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención deste deterioro e no coñecemento do envellecemento activo. Realízase os xoves no centro Social da Devesa a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), grazas á financiación da entidade Caixabank.
Gela Ledo, Concelleira de Benestar Social: “Dende o departamento de benestar social a prioridade é a de traballar para que iniciativas coma estas para as nosas persoas maiores así como outras para a infancia se poidan levar a cabo ao longo dos vindeiros anos”
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda “Os/as nosos/as maiores cada vez están máis concienciados/as e demandan un envellecemento saudable acorde co seu estilo de vida, e o Concello de Salceda aporta así o seu granciño para que isto sexa posible. Seguiremos a poñer en marcha accións deste estilo que sempre teñen unha grande acollida por parte da terceira idade, buscando para elo a colaboración das diferentes entidades que nos permitan seguir a manter este tipo de iniciativas”.

Gabinete de Prensa, 21 de novembro de 2019