Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

Percorre as sendas de Salceda de Caselas

SENDA E PARQUE ETNOGRÁFICO DO RÍO CASELAS

Esta senda ten unha lonxitude de 2.014 metros, entre a zona das Pontes (Santa María) e O Rubal (A Picoña), e durante o seu percorrido á beira do río Caselas podemos atopar os muíños das Covas, A Laxe, Filgueiras e Marcial.

Con este espazo dótase á poboación dunha contorna para gozar de todo o potencial do patrimonio etnográfico do noso Concello, á vez que se poñen en valor construcións tan especiais como son os muíños e a súa contorna máis próxima, ofertando alternativas de ocio para a poboación.

O muíño da Laxe ou dos Cregos rehabilitouse por completo e púxose en funcionamento tras anos de abandono. Así mesmo habilitouse como aula didáctica onde, a través de paneis informativos, se dá a coñecer a riqueza destes elementos singulares do noso patrimonio vinculados ao río Caselas e tamén do conxunto dos 56 muíños catalogados en todo o Concello.

 

SENDA FLUVIAL VALENTÍN PAZ ANDRADE

 

Esta senda de 1.375 metros de lonxitude enlaza no lugar das Pontes coa senda do río Caselas, estendéndose ata o lugar das Regadas e ofrecendo deste xeito un total de 3.557 metros de senda no marco natural da ribeira do río Caselas. Ademais, conecta coa recentemente recuperada fonte das Carballas, cruzando a estrada Carrasqueira-Cabreira e servindo, así, de conexión peonil coa zona urbana.

A senda, bautizada co nome de Valentín Paz Andrade, conta cun espazo dedicado a este polifacético escritor.

No seu percorrido atopamos o pombal de Antero, construído nos anos 60 por Álvaro Antero Pérez Troncoso.

 

SENDA E PARQUE ETNOGRÁFICO DO RÍO LANDRES

Esta senda, de 839 metros de lonxitude que une a zona da Gándara co barrio do Torrón, leva o nome de Francisco Estévez, pai do coñecido actor Martin Sheen, natural da parroquia de Parderrubias.

A senda agocha o conxunto etnográfico máis completo do concello de Salceda, formado polo muíño e lavadoiro do Seixo e os muíños do Ghurito, do Medio, do Buraco e das Laxes do Torrón. 

Actualmente o único muíño sen reconstruír é o Muíño do Buraco, que conserva aínda a configuración inicial coa que foi construído antes do 1752. O seu estado actual pode servir como exemplo ilustrativo da situación na que se atopa unha parte moi importante do patrimonio material e histórico de Galicia.

 

SENDA DO RÍO LANDRES

Este tramo enlaza coa senda Francisco Estévez entre O Seixo e o muíño da Pereira, inlcuíndo un panel de recordo dos terribles incendios de outubro de 2017.

Nesta ocasión trátase dun tramo de 789 metros que, ao igual que os tramos anteriores, está perfectamente acondicionado para persoas con mobilidade reducida. Durante o percorrido instalaranse diversos bancos, así como a pertinente sinalización no principio e final da senda coas limitacións de uso desta.

Neste caso recuperouse unha zona en estado de abandono para usos recreativos, aproveitando a contorna na marxe do río Landres, que dá continuidade ao tramo de senda xa existente entre O Torrón e O Seixo, e enlaza tamén coa Senda da Lagoela a escasos metros. 

 

SENDA DO CASELAS EN ENTENZA

Esta senda enlaza os muíños de Bernárdez e dos Herdeiros coa ponte da Pereira, pasando pola ponte do Picado, cunha lonxitude de 1 km. Ademais, pódese continuar pola senda que a comunidade de montes de Arantei (Salvaterra de Miño) fixo na súa parroquia. 

No seu percorrido atopamos o muíño do Picado, único de tres moas en todo o Concello.

Foi o primeiro tramo de senda que se executou no concello no ano 2010, dando inicio a unha serie de sendas polos regatos e ríos de Salceda que se converteron xa en referente na zona.

 

Salceda de Caselas, moito para ofrecer

Unha oferta turística de calidade espérate no noso municipio

Feiras e festas

Feiras e festas

As feiras e festas de Salceda son un colorido encontro onde a alegría e a tradición fusiónanse en cada recuncho do noso concello.

Contornas  naturais

Contornas naturais

Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.

O municipio

O municipio

As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.

Roteiros de sendeirismo

Roteiros de sendeirismo

Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.

Entroido de Salceda de Caselas

Entroido de Salceda de Caselas

Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.

Share This